Nestes días de crise global falase moito do abastecemento na alimentación. O mellor abastecemento témolo ao lado de casa e é agora máis que nunca cando temos que apoiar e apostar polo local, ecolóxico, quilómetro cero.  Porque mercando local freamos o cambio climático, reducimos residuos, consumimos produtos frescos e de calidade e contribuímos a que o sector primario poda manterse.

Por iso, queremos dar todo o noso apoio a todas as labregas e labregos que están alimentándonos e aos que non se lles está tratando inxustamente ao querer pechar os mercados de proximidade, que son os que garanten a verdadeira seguridade alimentaria.

Aquí o manifesto que elaboraron e ao que damos o máximo apoio:

 

Nós, as labregas e labregos que damos vida aos mercados de proximidade na Galiza, diante da prohibición de poder exercer a nosa función como fornecedores de alimentos para a sociedade por mor das restricións impostas para enfrontar a pandemia do Covid-19, queremos manifestar:

  • A nosa consternación ao ver como se nos discrimina, unha vez máis, en favor das grandes superficies comerciais, á hora de garantir o acceso en tempo de crise a un ben esencial como a alimentación.

  • A nosa perplexidade, cando constatamos a diferenza de criterios entre administracións, con comunidades autónomas que autorizan expresamente os mercados de proximidade e outras, como a galega, que os prohiben; con concellos que regulan esta venda directa en tempo de crise e outros que a clausuran sen máis.

  • O noso convencemento de que os nosos alimentos e os nosos mercados, aplicando as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Covid-19 e o agravamento da pandemia, son máis seguros nas actuais circunstancias por celebrarse ao aire libre ou en espazos amplos como prazas de abastos, por non haber intermediarios entre a produción e o consumo final, por non xerar aglomeracións humanas, e por termos, porque así nolo esixe a normativa, unha mellor e máis completa formación en cuestións hixiénico-sanitarias que a maioría do persoal que traballa en grandes superficies comerciais.

  • A nosa indefensión porque, sendo sector primario, se nos priva de exercer a nosa principal actividade económica sen ningún tipo de compensación ou alternativa que mitigue o grave deterioro financeiro que sufriremos nas vindeiras semanas. Nese sentido, botamos de menos medidas que se poderían impulsar dende as administracións, como a compra pública de alimentos para que os servizos sociais os inclúan na distribución de cestas de alimentos ás familias que os precisen, ou mesmo incorporar os nosos medios e experiencia no reparto domiciliario de cestas de produtos.

  • A nosa impotencia porque a maior parte dos alimentos que producimos son frescos e sans e, polo tanto, neles non empregamos conservantes químicos ou refrixeración para atrasar o seu deterioro, como si fará a agricultura industrial para poder vendelos cando se levanten as restricións.

Por todo iso, pedímoslle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, que faga todos os esforzos necesarios para que, a partir do 31 de marzo, volva autorizar os mercados de alimentos de proximidade, preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados.

Descargar o manifesto aquí.

APOIAN ESTE MANIFESTO:

A Eira do Colexio de Educadores e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)

Amarelante SCG

Amig@s da Terra

Asociación de Produtoras de Horta de Ribadeo A Sucadoira

Asociación Galega de Apicultura (AGA)

Asociación Mercado da Terra (Lugo)

Asociación Millo Miúdo (Oleiros)

Asociación O Xaramelo (Meis)

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega)

Asociación Raíces do Lusco

Asociación 4ponlas (Pontevedra)

CDR Portas Abertas

Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela)

Centro Social Madia Leva (Lugo)

Centro Social O Fuscalho (A Guarda)

Centro social O Quilombo (Pontevedra)

Confederación Intersindical Galega (CIG)

Enxeñería sen Fronteiras

Federación Rural Galega (Fruga)

Greenpeace

Grupo de Consumo Agrelar (Allariz)

Grupo de Consumo Semente (Ourense)

Grupo de Consumo Xurumelxs (Ourense)

Grupo de Bioeconomía da USC

Grupo de investigación en agronomía AGRONOMÍA (USC)

Grupo de Investigación en Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural COSMERUN (USC)

Grupo de Investigación en Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social ECOAGRASOC (USC)

Grupo de Investigación Galabra en Estudos Culturais GALABRA (USC)

Grupo de Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio GESPIC (USC)

Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX HISTAGRA (USC)

Grupo de Investigación da Agricultura Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo

Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-Interea

Laboratorio do Territorio LABORATE (USC)

Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)

Nais polo Clima

Non é o Mesmo (Compostela)

Proxecto Resclima

Rede de Consumo O Careón (Melide)

Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza o Bierzo

Rede Revolta de Agroecoloxía e Historia

Sindicato Labrego Galego (SLG)