Máis de 100 organizacións de todo o Estado demandamos ao Ministerio de Agricultura a toma de medidas en consideración dos impactos da crise do COVID19 na produción agroalimentaria de pequena escala e o ámbito agroecolóxico

Un centenar de organizacións e colectivos de toda España, entre elas Amigos da Terra, acabamos de rexistrar no Ministerio de Agricultura, este 30 de marzo, unha petición formal para que se “diten as instrucións pertinentes ás comunidades autónomas e concellos para que se busquen solucións para os mercados non sedentarios de proximidade”.

A demanda faise ante o peche xeneralizado destes mercados alimentarios pola interpretación excesivamente restritiva que moitos gobernos locais e autonómicos están facendo das prohibicións decretadas polo estado de alarma ante a pandemia do COVID-19.

As organizacións asinantes, entre as que se atopan varias plataformas de ámbito estatal, remitimos aos protocolos de seguridade e hixiene postos en marcha por algunhas comunidades autónomas para que os mercados de proximidade poidan seguir sendo garantes da seguridade alimentaria durante esta crise. Non en balde, estas canles de venda directa facilitan o acceso á cidadanía de bens de primeira necesidade -cuxa produción, circulación e abastecemento están protexidas expresamente polo estado de alarma- en condicións óptimas de seguridade e hixiene que adoitan ser superiores ás de calquera supermercado. En concreto, cítase a regulación que fixo da venda directa de alimentos o Goberno das Illas Baleares; ou dos desprazamentos a granxas, hortos e currais de autoabastecemento de alimentos que fixo a Consellería de Medio Rural en Galicia.

Tamén, de cara a mitigar o brutal impacto económico que está provocando esta crise nas economías campesiñas, pedimos un esforzo das diversas administracións para que aposten polas producións locais na compra pública de alimentos para abastecer hospitais, centros de maiores, comedores sociais, comedores escolares ou bancos de alimentos; ou medidas fiscais como a exención do pago de autónomos ás pequenas granxas.

Esta urxencia, como tantas outras, atoparanos unidas a todas as organizacións que traballamos en favor dunha alimentación sa e sostible, onde a pequena produción agroecolóxica agraria e gandeira está na vangarda.

A continuación, compartimos o escrito íntegro presentado ante o Ministerio de Agricultura coa totalidade dos argumentos e peticións que se fan para reabrir os mercados non sedentarios de alimentos de proximidade en toda España.