Producir os nosos propios alimentos sen agroquímicos, garantindo a nosa seguridade alimentaria debe ser unha prioridade, e nunca debe ser un criterio para xustificar esta práctica o feito de posuír unha certificación que capacita para aplicar produtos fitosanitarios, tal e como indica o DOG do 24 de marzo no seu artigo 4, e que nada ten que ver co cultivo saudable da terra.

Mentres o consumo de alimentos ecolóxicos aumenta na nosa sociedade ao ritmo ao que aumenta a preocupación pola nosa saúde, tamén aumentan as persoas que deciden destinar un anaco de terra, de esforzo e de ilusión para cultivar unha boa parte da súa alimentación. Cada vez máis  persoas estanse interesando pola agroecoloxía e os diferentes métodos de cultivo asociados ao respecto á natureza, ao coidado do solo e á produción de cultivos de xeito sostible. Que sentido ten supor que o van facer usando agrotóxicos e que precisarán sacarse un carné para manipular e aplicar eses velenos?

Nas alegacións que máis de cen organizacións de todo o estado fixemos ao Ministerio de Agricultura o día 30 de marzo, púñase á Xunta de Galicia como exemplo a ter en conta en todo o estado, por permitir os traballos nas hortas de autoconsumo, o cal aplaudimos, pero en cambio, pensamos que non ten sentido establecer a limitación dos 500 m nun país como o noso, tremendamente disperso, pero sobre todo, con que a acreditación desas actividades dependan dun carné que boa parte da poboación nin debería usar nin precisa para cultivar a súa terra dun xeito seguro alimentariamente.

Cultivando os nosos propios alimentos freamos o cambio climático, reducimos residuos, consumimos produtos frescos e de calidade e contribuímos ao mantemento dun sector primario cada vez máis minguado e castigado polas políticas actuais.