As organizacións convocamos á cidadanía a unha manifestación polo clima o vindeiro venres 24 de abril ás 22h mediante a proxección de sombras e sons desde os balcóns.

Nun manifesto conxunto, as organizacións apuntamos que a saída da crise sanitaria débese realizar de forma xusta e sostible.

No contexto da urxencia sanitaria actual e a posterior saída económica, centos de organizacións sociais baixo o paraugas de Fridays For Future, 2020 Rebelión polo Clima e Alianza polo Clima da que formamos parte, convocamos á cidadanía a unha acción global polo clima o vindeiro venres 24 de abril ás 22h para reivindicar unha volta que poña no centro o medio ambiente e ás persoas e teña en conta criterios de xustiza social e climática. Para iso, as organizacións invitamos a unha manifestación a través de proxeccións de sombras e sons en fachadas que se reflectirá nas redes mediante fotos e vídeos das mesmas.

Coa convicción de que cada crise é unha crise e debe ser tratada como tal, as organizacións convocantes somos conscientes de que non é momento de interferir na loita contra a pandemia nin de detraer recursos dela e, por iso, esta convocatoria impulsada polo colectivo Fridays for Future en todo o mundo baixo o marco de “Global Strike for Climate”, sitúa o seu centro nas fachadas e as redes e chama á reflexión e a sentar as bases para actuacións futuras, máis concretas e contundentes.

A crise climática segue sendo unha realidade e, pese a estar formalmente declarada desde moitas institucións, segue sen ser recoñecida como tal por algúns dirixentes, que optan por desoír as indicacións científicas a través dunha inacción culpable.

A humanidade enfróntase a unha urxencia climática sen precedentes na que tamén é necesario actuar coa responsabilidade de protexer a vida en primeiro lugar. O quecemento global é consecuencia directa do modelo de produción e consumo que arrisca a supervivencia como especie, ao basearse na explotación ilimitada dos recursos naturais, impactando de xeito inxusto nas poboacións máis pobres e vulnerables, sinalamos as organizacións no manifesto.

Esta defensa da supervivencia debe levar aos gobernos a asumir o estado de urxencia climática e, xa que logo, tomar medidas ambiciosas e drásticas. Actuar con contundencia hoxe fronte á urxencia climática evitará os peores impactos ambientais e sociais no futuro.

Por iso, as organizacións propoñemos saír do inmbolismo actual e transformar a actividade económica dun modo climática e socialmente xusto. No manifesto, apuntamos as actuacións que se deberían levar a cabo tendo en conta dous principios básicos:

  • Desde o punto de vista climático, enfrontar unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, en liña coas indicacións científicas e alcanzando a neutralidade o máis rapidamente posible.
  • Desde o punto de vista social, consideración absolutamente prioritaria das persoas e dos colectivos vulnerables, garantindo para eles unhas condicións de vida dignas.

 

Manifesto https://drive.google.com/open?ide=19ydFm5qWD_qo1hjGwFTuFcOibvJ-CYVs

Formulario de adhesións https://forms.gle/eBr3wF5VuzNQboX48

Formulario de apoio con materiais (proxectores, altofalantes …) para coordinar a #AcciónGlobalPorElClima24A https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfJDveei1q7WpzzCTTFqZy-sp1clHaEChSMGci3aMtAe1–Pw/viewform