Hoxe luns, Amigos da Terra sumase ao movemento, “Os Luns Sen Carne”, unha campaña global cunha sinxela mensaxe: “reduce o teu consumo de carne, e empeza por non comela durante un día á semana para loitar fronte á urxencia climática”. Desta forma a organización ecoloxista apoia este chamamento á cidadanía para que se sensibilice sobre os impactos da gandería industrial.

A organización ecoloxista invita á cidadanía a reducir o seu consumo de carne e elixir unha gandería ecolóxica e extensiva. Con todo, a prioridade segundo a asociación é premer ás administracións para conseguir unhas políticas que dean un xiro ao sistema alimentario. Por este motivo reclaman unha PAC, a Política Agraria Común, que impulse un modelo de produción de carne que mitigue os efectos da urxencia climática, sexa beneficiosa para a biodiversidade e aposte por un mundo rural vivo.

Os impactos sociais e ambientais do consumo desmesurado de carne producida de xeito industrial van en aumento. A inxesta de proteína animal quintuplicouse no ultimo medio século. As macro-explotacións industriais de carne convertéronse no método de produción gandeira con maior crecemento en todo o mundo, e en consecuencia converteuse na responsable do 14% do total das emisións a nivel mundial, o que supón a mesma cantidade que todas as xeradas polo transporte global.

A alimentación do gando no sistema industrial, a base de pensos, é o principal motor da expansión dos monocultivos en todo o mundo e, xa que logo, da deforestación, empregándose unha gran cantidade de auga e chan para a súa produción. O 75% do terreo cultivable do planeta acapárao a gandería industrial e tan só para producir unha hamburguesa necesítanse 1.600 litros de auga.

Fai uns meses o informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) alertaba sobre como a gandería industrial implica un consumo elevado de recursos naturais e graves custos ambientais. Hai numerosos estudos que suxiren que un cambio de dieta na poboación dos países industrializados ten o potencial de combater a crise climática coa redución de ata un 50% as emisións de CO2.

Ademais a gandería industrial caracterízase polo amontoamento de animais en espazos moi reducidos onde apenas se poden mover, así como pola contaminación de auga e chans e por supoñer unha grave ameaza ás pequenas granxas familiares.

As granxas familiares pola contra, coa práctica dunha gandería a pequena escala, supoñen un gran valor ambiental e social, xeran emprego no medio rural, contribúen ao bo estado dos ecosistemas e melloran nosa saúde. Trátase dunha gandería baseada na agroecoloxía e as canles curtas de comercialización, que promove un modelo saudable e un mundo rural vivo.

Amigos da Terra aposta por reducir o consumo de carne e elixir unha gandería ecolóxica e extensiva. Fronte á gandería industrial: Menos carne, mellor carne, e unha forma de conseguilo é reducindo o consumo de carne e elixindo gandería agroecolóxica.

É vital reducir o consumo de carne e apoiar a produción de carne procedente da gandería extensiva e agroecolóxica, e reducir así os efectos do cambio climático, protexer a biodiversidade, promover o benestar animal e garantir que as persoas productoras poidan traballar dignamente e poidan vivir nun mundo rural vivo.