En plena transposición do Paquete de Economía Circular e da directiva contra os Plásticos dun Só Uso, diversas organizacións, entre elas Amigos da Terra, mostran ao Goberno o camiño para aplicar dez instrumentos cos que saír da pandemia construíndo unha sociedade máis sostible e unha economía realmente circular.

Coincidindo coa pandemia do Covid-19, España está inmersa na transposición das directivas europeas de residuos incluídas no Paquete de Economía Circular e a de Plásticos dun Só Uso. De feito, desde o Ministerio de Transición Ecolóxica ( MITECO) da vicepresidenta Teresa Ribeira, iniciouse este trámite coa consulta previa para elaborar un Real Decreto de envases e residuos de envases. E tanto desde os organismos europeos, como desde as organizacións ecoloxistas nacionais e internacionais, está a reclamarse ambición a todos os Estados membros para reforzar as políticas verdes e apostar por un escenario postpandemia o máis sostible posible. Actualmente, case o 90% dos materiais usados na UE pérdense tras o seu primeiro uso.

Neste marco, un grupo amplo da sociedade civil europea, liderado polo European Environmental Bureau, con máis de 160 entidades ecoloxistas do continente, Amigos da Terra Europa e Zero Waste Europe, difundiu un documento coas dez prioridades a ter en conta na trasposición das directivas de residuos para conseguir unha transformación ecolóxica real e efectiva no menor tempo posible.

1. Establecer obxectivos ambiciosos e vinculantes de prevención e reutilización

Débese adoptar e seguir unha folla de ruta progresiva para o ano 2030 seguindo os principios da xerarquía de xestión de residuos da UE e incluír un obxectivo global vinculante de redución de residuos e unha limitación á súa xeración expresada en kg/ cápita/ano. Esta acción debe ser complementada con obxectivos e medidas vinculantes de reutilización de residuos e produtos.

2. Fixar obxectivos obrigatorios de prevención do desperdicio alimentario do 50% para 2030

Todos os estados membros deben alcanzar este obxectivo mediante medidas efectivas que cubran todas as fases da cadea de abastecemento de alimentos, desde a recollida ata o procesado e desde a comercialización ao consumo.

3. Definir requisitos exhaustivos de deseño circular para todos os produtos

Estes requisitos han de asegurar a durabilidade, reutilización, reparación e reciclabilidade dos produtos, asegurando a non toxicidade dos seus materiais e o uso de recursos sostibles. Debe darse aos consumidores o dereito para reparar os seus produtos como norma habitual.

4. Asegurar ciclos materiais limpos, seguros e non tóxicos

Unha contorna de contaminación cero e non tóxico só se pode conseguir evitando as substancias de maior preocupación e eliminándoas de maneira gradual mediante unha rigorosa lexislación, actualmente inexistente. Só se pode evitar a presenza destas substancias en produtos novos e reciclados asegurando que exista un sistema de información pública sobre as substancias presentes en materiais, artigos, produtos e residuos.

5. Establecer incentivos económicos efectivos para desenvolver estratexias de aforro de recursos

Os sistemas tributarios e os incentivos fiscais deben promover as prácticas de reutilización, por exemplo, reducindo o IVE para a reparación e para os produtos de segunda man e gravando os envases dun só uso. O `pago por xeración’ é un incentivo para as familias para xerar menos lixo. Nun nivel superior, a UE debe estimular os investimentos públicos e privados en actividades circulares que se sitúen no máis alto da xerarquía de xestión de residuos e deixar de promover a xeración de enerxía de residuos.

6. Priorizar a prevención de residuos nos esquemas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP)

Todos os sistemas de RAP deben apoiar a prevención de residuos mediante o financiamento e promoción da reutilización dos produtos e a eco-modulación das taxas para desincentivar os produtos non circulares.

7. Promover os envases reutilizables

A revisión dos requisitos esenciais da Directiva de Envases e Residuos de Envases debe levar a unha lexislación ambiciosa que poña o foco no deseño para a reutilización do produto, o uso de materiais non tóxicos e, tras un longo uso, a súa reciclabilidade. As políticas da UE han de apoiar a implementación de sistemas de reutilización, incluíndo sistemas de enchido e sistemas de depósito, devolución e retorno a través de obxectivos cuantitativos de reutilización de envases para o ano 2022.

8. Controlar e limitar o envío global de residuos

Os residuos non deberían ser enviados a países fóra da UE con regulacións menos estrictas e unha inadecuada infraestrutura de reciclaxe. No seu lugar, Europa debería reutilizar e reciclar os seus propios residuos o máis preto posible, creando emprego local. A aplicación estrita das novas emendas ao Convenio de Basilea é crucial.

9. Configurar o marco legal correcto para a reciclaxe química

Necesítanse definicións e requisitos claros para garantir que a reciclaxe química non mine enfoques circulares máis altos na xerarquía de residuos ou provoque impactos ambientais adversos. O input debe limitarse a plásticos degradados e contaminados, nunca aos plásticos procedentes dunha recollida selectiva, e o output debe limitarse a plásticos novos, non a combustible (9).

10. Eliminación da incineración

Europa debe liberar o potencial das actividades de prevención de residuos e economía circular eliminando gradualmente a capacidade existente das incineradoras e freando o desenvolvemento de novas instalacións deste tipo en toda a UE. Isto é de suma importancia para mellorar a recollida selectiva e asegurar a descarbonización da rede de enerxía da UE.