• As xornadas enmárcanse na campaña Menos carne, mellor carne.
  • Nas mesmas tratarase a vinculación da gandería industrial coa crise do COVID-19 e a crise climática.
  • A redución do consumo de carne e unha gandería ecolóxica e extensiva son decisivas para manter un medio ambiente san.

Mañá 19 de maio, comezamos o noso ciclo de xornadas online no marco da campaña «Menos carne, mellor carne». En total serán 8 xornadas que virarán en torno á gandería industrial e os seus impactos, en relación ao cambio climático, a perda de biodiversidade ou a crise sanitaria actual; así como sobre as alternativas a este tipo de gandería, como é unha gandería ecolóxica e extensiva que promove o desenvolvemento de contornas rurais vivos, e a promoción de hábitos alimentario saudables para a xente e o planeta, como é a redución de carne.

As xornadas terán lugar entre os días 19 e 28 de maio e poderán verse a través das nosas canles de Youtube e Facebook , no seguinte enlace. Coas mesmas, desde Amigos da Terra pretendemos abrir o debate e facilitar a reflexión sobre as políticas públicas máis adecuadas para afrontar estes retos no marco da elaboración do futuro Plan Estratéxico Nacional da PAC (Política Agraria Común) e do posible novo Tratado de libre comercio entre a UE e MERCOSUR.

 

 

Os impactos sociais e ambientais do consumo desmesurado de carne producida de xeito industrial van en aumento. A inxesta de proteína animal quintuplicouse no ultimo medio século. As macro-explotacións industriais de carne convertéronse no método de produción gandeira con maior crecemento en todo o mundo, e en consecuencia converteuse na responsable do 14% do total das emisións a nivel mundial, o que supón a mesma cantidade que todas as emisións xeradas polo transporte global.

Consideramos imprescindible apoiar unha gandería respectuosa cos límites do planeta, comprometida coa saúde das persoas, o benestar animal e un mundo rural vivo.

No contexto actual de crise sanitaria, social e ecolóxica á que nos enfrontamos, é máis importante que nunca apostar por un  modelo de produción e consumo alimentario saudable, que respecte o medio ambiente e a biodiversidade e que aposte pola creación de emprego que coide ás persoas e ás contornas naturais.

Ademais reivindicamos a importancia do sector agrario e gandeiro en tempos de urxencia sanitaria polo COVID-19, recalcando a necesidade de garantir mercados de proximidade, circuítos curtos de comercialización e produción de autoabastecemento, fronte a posibles pandemias globais.

Neste sentido, emprazamos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, MAPA, a que aproveite o proceso actual de elaboración da PAC para que impulse un modelo de produción de carne que mitigue os efectos da urxencia climática, sexa beneficiosa para a biodiversidade e aposte por un mundo rural vivo. Con este fin a semana pasada lanzamos unha ciber-acción na que reclama unhas políticas de menos carne e mellor carne.