Onte aprobouse en Consello de Ministros o anteproxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, tan esperado por Amigos da Terra, xa que levabamos máis dunha década reclamando esta lexislación. Valoramos moi positivamente esta nova normativa, na cal recolléronse parte das propostas realizadas polas organizacións ecoloxistas, entre as cales destaca o punto final á explotación de hidrocarburos e ao fracking (fractura hidráulica) ao fixar o fin da concesión de autorizacións para a súa exploración e explotación.

De igual forma, a organización valora o esforzo realizado para publicar a lei nun momento tan complexo como o actual, no medio da crise sanitaria do COVID-19. Grazas a esta aprobación a cidadanía conta cunha base lexislativa para priorizar a protección ambiental, así como medidas para loitar fronte á crise climática, ante á recuperación económica. Isto, supón que existirá un control para que as medidas de recuperación económica e social sexan medioambientalmente sostibles.

Con todo, é necesario reclamar maior ambición nos obxectivos de redución de emisións. A Lei segue contemplando a neutralidade para o ano 2050, cando desde as organizacións ecoloxistas consideran indispensable de que se leve a cabo en 2040, tal e como aconsella a comunidade científica. De igual forma, o aumento de ambición de redución de emisións do 23% para o ano 2030 respecto da referencia do ano 1990, segue sendo insuficiente e non segue as recomendacionss da ciencia que afirma que esta década é decisiva para non superar o aumento de 1,5ºC a temperatura global e evitar así os peores impactos do cambio climático.

Doutra banda, a lei marca para o ano 2030 unha penetración de enerxías de orixe renovable no consumo de enerxía final de, polo menos, un 35%, así como alcanzar un sistema eléctrico con, polo menos, un 70% de xeración a partir de enerxías de orixe renovable. Neste sentido, o Goberno desenvolverá un novo sistema de poxas para a retribución das enerxías renovables baseado no recoñecemento a longo prazo dun prezo fixo pola enerxía. Así, é necesaria a inclusión de criterios de democratización do sistema enerxético e de soberanía enerxética onde a poboación teña un papel relevante. É necesario o fomento do desenvolvemento de comunidades de enerxía renovable mediante a elaboración de marcos que lles favorezan como así vén explicitado na Directiva europea REDII.

Neste sentido, un dos puntos a cubrir é o acceso ao financiamento e información, a través de apoios financeiros ou de investimento como préstamos favorables á enerxía comunitaria, subvencións ou exencións fiscais nos investimentos dos seus membros. A crecente tendencia cara ás licitacións e poxas está afectando negativamente a capacidade das comunidades de enerxía renovable para competir ou acceder aos sistemas de axudas. O Goberno debe abordalo tendo en conta as particularidades das comunidades de enerxías renovables cando desenvolvan os seus sistemas de axudas públicas. Son urxentes medidas que aseguren que as comunidades de enerxía poidan competir polas súas axudas en pé de igualdade con outros actores do mercado.

Para rematar, destacamos a necesidade de establecer condicións máis restritivas ao transporte aéreo, un dos maiores responsables de emisións de gases de efecto invernadoiro (5-8% de emisións a nivel global), así como á penetración de agrocombustibles, negando falsas solucións que supoñen un maior impacto climático que o combustible fósil ao que substitúen. A “aviación verde” non existe e as medidas deben enfocarse nunha redución drástica do transporte aéreo. Por iso, é necesario incluír medidas contrarias á permisividade de ampliacións de aeroportos, medidas que deben ir acompañadas de solucións alternativas que promovan unha transición ecolóxica xusta.