Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) dan plantón á Consellaría de Medio Rural como protesta ante a falta de participación sectorial e de diálogo social na planificación das políticas forestais e na estratexia contra os incendios

Segundo o Decreto 306/2004 do 2 de decembro polo que se crea o Consello Forestal de Galicia, e a Lei 39/2015 do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, o Consello Forestal de Galicia é un órgano colexiado onde se debe asegurar a participación cidadá na política forestal. Pero, dende hai anos, esta participación limítase a un mero trámite para cumprir coa obriga de convocalo a fin de proseguir cos procedementos lexislativos e de regulamentación relativos á materia.

Se ben, nalgunhas ocasións, trasládase información ás entidades membros e se lles dá un prazo para contribuír con achegas aos textos, en ningún caso se habilita un espazo para a socialización do argumentario das distintas organizacións, nin se abre un debate real entre estas e a administración.

No caso do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) e todo o que se refire á prevención e extinción de lumes forestais, isto lévase ao extremo de non permitir ningún tipo de participación social das organizacións sectoriais, servíndose delas para lexitimar unha política que emana unicamente do goberno da Xunta e relegándoas a simples espectadoras dos procedementos. Ademais, este Consello Forestal convocouse para hoxe, 28 de maio, in extremis se temos en conta que está a piques de comezar a campaña do dispositivo de extinción; e entregando a documentación, dun volume importante, cun prazo moi escaso para poder ser analizada.

As organizacións asinantes levamos tempo denunciando esta situación e demandando que se dea unha solución á utilización interesada deste órgano colexiado, polo que non participaremos nas convocatorias relacionados co Pladiga mentres non se garanta a participación real das entidades membros do Consello Forestal de Galicia.