As plataformas 2020 Rebelión polo Clima e Alianza polo Clima, Movemento Galego polo clima, xunto con mais dun centenar de organizacións, celebran o Día Mundial do Medio Ambiente, reclamando unha saída da crise provocada polo coronavirus con xustiza ambiental e social.

Centenares de activistas en máis de 40 municipios dixeron alto e claro que non se poden ignorar as actuais crises estruturales.

Onte 5 de xuño, Dia Mundial do Medio Ambiente, centenares de activistas nunha corentena de localidades, desde grandes cidades como Madrid, Barcelona ou Zaragoza ata municipios de menor tamaño como Santa Coloma de Queralt, Marchena ou Vilagarcia de Arousa, inundaron as rúas de corazóns. A través de diversas accións presenciais limitadas a unha cota reducida de persoas para respectar as medidas sanitarias, dáse continuidade ás masivas manifestacións climáticas do pasado ano, remarcando que soamente unha transformación xustas social e ambiental pode reducir e previr as moitas crises ás que nos enfrontamos.

En Galicia, dende o Movemento Galego polo Clima saímos as rúas e prazas nas localidades de A Coruña, Compostela, Ferrol, Nigrán, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía, para mostrar o símbolo dos corazón verdes contra as crises climática e social.

A crise sanitaria e económica evidenciou a vulnerabilidade dun sistema económico globalizado, a fraxilidade das cadeas de produción en situacións de estrés e as dificultades para xerar respostas a curto prazo nun sistema guiado unicamente polo beneficio económico, cuxas consecuencias son, entre outras, o incremento da desigualdade e a precarización. O deterioro acumulado dos servizos públicos, entre eles o sistema público de saúde, entorpeceu a complexa resposta á crise sanitaria, demostrando que os recortes matan. O confinamento provocou perdas de emprego, ERTE e situacións de risco económico para boa parte da poboación. Esta situación só vai agravarse nas próximas semanas e meses, cando a crise económica golpee de cheo, segundo todos os prognósticos.

Para evitar novas catástrofes, a ciencia indica que é necesario reducir as emisións de carbono nun 7,6 % anual. Un reto enorme que só pode realizarse mediante unha sociedade comprometida e unhas políticas públicas audaces. Durante estes dous meses de confinamento reproducíronse diferentes iniciativas de apoio mutuo e solidariedade para que ninguén caia. Tamén xurdiron iniciativas de activismo dixital. As respostas cidadás mostran que non é certo que non exista capacidade de manobra para reverter situacións de pobreza e inxustiza social e poñer en marcha mecanismos moito máis efectivos para afrontar as crises de hoxe.

A saída á crise sanitaria e económica debe aprender dos erros pasados, como a crise financeira e inmobiliaria de 2008. Estanse producindo rescates económicos ás empresas contaminantes e as actividades económicas insostibles, sen garantir que redunden nas persoas traballadoras nin esixir plans urxentes de reconversión. Non se están sentando as bases dunha saída social e ambientalmente xusta da crise. A COVID-19 está golpeando amplas capas da poboación e agravando a situación de fame en moitas zonas do mundo, polo que é imprescindible seguir tecendo unha extensa rede de alimentación local que asegure alimentos sans e accesibles. A xustiza alimentaria debe ser un dos alicerces fundamentais. Con todo, a aposta por parte dalgúns sectores, incluída a extrema dereita, é atrasar as medidas urxentes para afrontar a crise ecolóxica, afondar no incremento da precarización da sociedade e a destrución dos ecosistemas.

O momento de actuar é agora. A industria fósil, o sector da automoción e a aviación, a industria química ou a construción insostible e especulativa están avogando por unha desregulación ambiental e axudas económicas. Non se pode volver á antiga normalidade porque ese era o problema. A saída á crise debe apoiarse nos sectores e actividades de coidados, servizos públicos e cultura, e apostar pola transición ecolóxica en todas as súas vertentes: agricultura ecolóxica, aforro e eficiencia enerxética, renovables, redución de residuos e economía circular. Ao mesmo tempo, debe ser unha transición xusta, no laboral, o económico, o social e tamén no respecto ao resto de seres vivos cos que compartimos o planeta.

Saír desta crise con responsabilidade implica reconstruír a economía poñendo a vida no centro. Os coidados deben ser asumidos como parte da actividade social e non asignados á esfera privada e ás mulleres, avanzar nunha transición a sistemas agroalimentarios agroecolóxicos para garantir o dereito humano á alimentación con seguridade e, con iso, a soberanía alimentaria. Hai que rescatar da crise ás persoas, non a privatizadores, explotadores, maltratadores e contaminadores. En definitiva, hai que levar a cabo unha transición con xustiza social e ambiental.

 

Fotos das accións >>>