O próximo 16 de xuño comeza a Semana Mundial Sen Carne, e unha vez máis denunciamos os impactos da gandería industrial a través dunha nova publicación na que abordamos como se relaciona o noso consumo de carne cos problemas ambientais.

A través do informe A alimentación, os ecosistemas, os animais e as persoas,  poñemos de manifesto que a produción de carne industrial supón unha grave ameaza para o medio ambiente e un grave desperdicio de recursos naturais.

A carne segue sendo un alimento moi estendido en Europa. En medio, a cidadanía europea consome o dobre da cantidade de carne recomendada polos expertos en saúde. Un puñado de empresas internacionais está adquirindo un control cada vez maior sobre a produción intensiva de carne a nivel global. As granxas convertéronse en fábricas onde os animais son unha mera mercancía que se vende a baixo prezo. En consecuencia as persoas dedicadas á gandería a pequena escala non poden competir con prezos tan baratos.

Os animais a miúdo se crían en condicións deficientes e son tratados con violencia, o que tamén é negativo para a saúde humana. En Europa o 99% dos antibióticos empregados destínase a uso gandeiro. Esta práctica supon a aparición de resistencias aos antibióticos. Cando os antibióticos deixan de ser eficaces, non só afecta aos animais, senón tamén aos humanos.

Ademais a produción e o consumo de carne é unha das principais causas da crise climática, sendo responsable dun 14% das emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial, provocando a degradación dos chans,  o acaparamento de terras e o consecuente desprazamento de comunidades, entre outros.

Desde Amigos da Terra a través da campaña Menos Carne, Mellor Carne, apostamos por un novo modelo agroalimentario, baseado na redución no consumo de carne e a elección por outra procedentee da gandería agroecolóxica. Ademais a crise sanitaria puxo de manifesto a necesidade de contar con modelos alimentarios sostibles e resilintes, nos que se aposte pola proximidade, a agroecoloxía e favorecer a economía social, apoiando ás persoas que traballan o campo.

Lanzamos unha campaña de petición de firmas na que reclamamos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que coide e protexa o campo e a alimentación, e que neste caso fágao apoiando proxectos de gandería ecolóxica e extensiva.

Reducir o consumo de carne e apoiar a produción de carne procedente da gandería extensiva e agroecolóxica, é vital para reducir así os efectos do cambio climático, protexer a biodiversidade, promover o benestar animal e garantir que as persoas produtoras poidan traballar dignamente e poidan vivir nun mundo rural vivo.