Para cambiar o modelo do usar e tirar cara á cultura da reutilización, ningunha bolsa dun só uso (nin de plástico virxe, nin reciclado, nin  compostable, nin de papel, etc) debería ser gratuíta.

O día 3 de xullo celébrase o Día Internacional Libre de Bolsas, impulsado por  Rezero, que encabeza un movemento mundial durante todo o mes de xullo contra o plástico dun só uso.

A loita pola eliminación das bolsas de plástico convértese nunha estratexia importante porque ten un alto contido en elementos contaminantes e é dificilmente reciclable, pero sobre todo porque é o símbolo emblemático da cultura dun só uso. No mercado, hai cada vez máis produtos de usar e tirar, especialmente de plástico, e non se fomenta nin se facilita o acceso aos produtos que se poden reutilizar.

Durante os últimos anos, as administracións públicas promoveron leis, plans e acordos voluntarios que pretenden dar solución á problemática das bolsas de plástico. Con todo, os datos mostran que estas iniciativas chegan tarde e están a ter un percorrido e un impacto insuficiente.

A Directiva Europea sobre as bolsas obrigaba aos Estados membros a establecer medidas para garantir un consumo medio anual inferior a 90 bolsas/persoa para o 31 de decembro de 2019, e de menos de 40 bolsas/persoa para o 31 de decembro de 2025; implantar instrumentos como a non distribución gratuíta das bolsas de plástico ou a prohibición antes do 31 de decembro de 2018 para garantir a consecución destes obxectivos.

O Estado español reaccionou demasiado tarde en aprobar en 2018 o Real Decreto sobre redución do consumo de bolsas de plástico polo que no ano 2019 xa non se alcanzaron os obxectivos de redución marcados pola Directiva Europea.

No Real Decreto prohibíase a distribución gratuíta das bolsas lixeiras dun só uso no 2018, con excepción daquelas moi lixeiras e das bolsas de plástico con espesor igual ou superior a 50  micras cunha porcentaxe igual ou maior ao 70 % de plástico reciclado. Fixábase unha prohibición progresiva ata o 2021 cando se establecerá a prohibición total da entrega de bolsas de plástico lixeiras e moi lixeiras ao consumidor nos puntos de venda de bens ou produtos, agás se son  compostables.

En primeiro lugar, desde as entidades que conformamos a Alianza Residuo Cero cremos que a prohibición da distribución gratuíta das bolsas lixeiras é unha medida insuficiente. Para conseguir que a prevención de residuos sexa realmente un dos eixos estratéxicos da sustentabilidade en España, requírese unha visión  sistémica do problema e políticas transformadoras. No caso da bolsa de plástico, demóstrano outras experiencias europeas: a prohibición total da bolsa de plástico dun só uso como ocorreu en Italia e Francia e o gravame ambiental disuasorio como é o caso de Irlanda, onde o ano 2002 reduciron o 90% das bolsas en tan só tres meses, o gravame o cal foi o equivalente a 20 céntimos de euro. No caso doutros elementos ligados á proliferación de envases e envoltorios  desbotables como son as bandexas de plástico, os envases  plurimaterial, os envoltorios de plástico e as bolsas sen asas), tamén hai medidas efectivas para reducir o consumo de forma rápida e con bos resultados.

En segundo lugar, segundo o Real Decreto, as bolsas  compostables serán gratuítas, o que pode provocar que os consumidores elixan a opción  compostable por un criterio económico sen necesariamente cambiar os hábitos de compra. Non ten sentido substituír as bolsas de plástico por bolsas  compostables, xa que tamén teñen un impacto ambiental (consumo enerxético, emisión de gases de efecto invernadoiro, abandono no medio natural ou mala xestión do residuo) e non sería bo transferir o actual consumo excesivo de bolsas de plástico ao consumo de bolsas  compostables.

Un exemplo claro da incoherencia de propoñer como alternativa a distribución gratuíta das bolsas  compostables é que estas, unha vez cumpren a función de transportar a compra, utilízanse para separar os residuos orgánicos de casa e depositalos no contedor de materia orgánica xa que se poden degradar en instalacións de tratamento da fracción orgánica. Se se depositan noutros contedores convértense nun problema ambiental e económico para que dificulta moito a reciclaxe das fraccións correspondentes. Isto é especialmente relevante porque actualmente na maioría de cidades e pobos de España aínda non hai un bo desenvolvemento da separación selectiva da fracción orgánica.

Por tanto, para alcanzar os obxectivos da Directiva Europea, deberíanse aplicar medidas máis restritivas como os impostos ou as prohibicións a todas as bolsas independentemente do material. En consecuencia, instamos a fomentar e promocionar as alternativas reutilizables como a única solución sostible e sensata para substituír as bolsas dun só uso sexan do material que sexan.

Desde as entidades, desexamos que a Lei de residuos e solos contaminados que está a elaborar actualmente o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sexa unha oportunidade para resolver as actuais carencias.

De todas as maneiras e esperando o apoio das administracións para que sexa fácil consumir sen residuos, a Alianza Residuo Cero afirma que no día a día podemos ir facendo pequenos xestos para reducir o uso de bolsas dun só uso. Actualmente hai moitas e diversas opcións para evitalas:  levando o teu carro da compra ou bolsas feitas dun material que che permitan lavalas e usalas moitas veces, como a tea.

No mercado, tamén podes atopar bolsas de distintos tamaños, con asa ou sen asa para comprar todo tipo de produtos: especies, verduras, froitas, froitos secos ata a pasta e os cereais. Para produtos máis fráxiles, no canto de bolsa, tamén é moi útil o uso do táper.