Con oito mecanismos regulatorios, consideramos que se podería evitar a influencia indebida de intereses privados na elaboración das políticas de saúde pública e, en particular, das políticas alimentarias

A alianza está formada por Xustiza Alimentaria, SESPAS, CEAPA, CECU, Amigos da Terra e Medicus Mundi

A Alianza pola Saúde Alimentaria, á que Amigos da Terra pertencemos xunto a Xustiza Alimentaria, SESPAS, CEAPA, CECU e Medicus Mundi, reclamamos unha normativa estatal, nos ámbitos sanitario e de consumo, que regule os conflitos de intereses derivados das relacións coas industrias de produtos cun impacto na saúde —alimentarios ou de bebidas alcohólicas—, de profesionais do campo científico e do ámbito da atención sanitaria, a saúde pública e áreas relacionadas, así como do funcionariado e persoas encargadas da elaboración de políticas de saúde pública. Para conseguilo, desde a alianza propoñemos unha serie de medidas, complementando, en caso necesario, medidas xa existentes ou en curso, cos mecanismos regulatorios necesarios para evitar a influencia indebida de intereses privados na elaboración das políticas de saúde pública e, en particular, das políticas alimentarias.

Desde a alianza consideramos que o proxecto de Real Decreto que ten como obxecto desenvolver o artigo 11 da Lei Xeral de Saúde Pública pode supoñer un gran avance para regulamentar as declaracións de intereses de expertos e organizacións que colaboren coas autoridades sanitarias en actuacións de saúde. No entanto, este paso debe completarse cunha regulación ampla que alcance outras áreas nas que as decisións que afectan á saúde da poboación poidan verse comprometidas por intereses alleos ao ben común.

A alimentación pouco saudable e as súas enfermidades asociadas representan, hoxe en día, un grave problema de saúde no Estado español. Actualmente, a alimentación pouco saudable é responsable de boa parte das principais enfermidades e mortes no noso país, como as derivadas das doenza cardiovasculares, diabetes e algúns tipos de cancro, cun enorme custo monetario directo: un de cada cinco euros do orzamento de sanidade no noso país dedícase a tratar os efectos en saúde da alimentación insán. A diferenza do que ocorre con outros factores de risco para a saúde, como o tabaquismo e o consumo de alcohol, resulta rechamante a ausencia de políticas públicas que afronten o problema da alimentación pouco saudable no Estado español de xeito efectivo.

En países da nosa contorna estanse aplicando (con maior ou menor intensidade) políticas efectivas para reducir o consumo excesivo de alimentos non saudables, como etiquetados nutricionais comprensibles, regulación da publicidade alimentaria, impostos específicos a bebidas azucradas e actuacións en escolas e centros sanitarios para evitar a promoción e venda de alimentos e bebidas non saudables. Estas medidas brillan pola súa ausencia no Estado español, o cal converte o noso país nunha sorte de paraíso para a industria alimentaria dentro do contexto europeo.

Entre os motivos desta ausencia de regulación, destaca a falta de control e transparencia dos conflitos de intereses derivados das relacións coa industria alimentaria, en primeiro lugar, dos políticos e funcionarios de saúde pública de alto nivel, actores claves en toma de decisións políticas, e, en segundo lugar, de profesionais dos ámbitos científico e da nutrición e a saúde, así como as fundacións e asociacións científicas que os representan. Estas organizacións e persoas expertas en nutrición e saúde pública reciben financiamento, nalgúns casos moi importante, da industria alimentaria, que así consegue influír e sesgar, de xeito opaco, a moitos actores clave en materia da relación entre a alimentación e a saúde, xerando unha distorsión dos discursos e normativas sociais que vulneran os dereitos básicos das persoas consumidoras. A falta de regulación eficaz destes conflitos de intereses representa un incumprimento do mandato constitucional e unha vulneración de aspectos transcendentais dos dereitos á saúde e a unha alimentación adecuada.

O conflito de intereses ten a súa orixe nas estratexias de captura corporativa da industria de produtos non saudables, e a alimentaria en particular, con múltiples consecuencias adversas para a saúde pública, como sesgar os resultados científicos, controlar a formación continua das persoas profesionais, crear consumidores e consumidoras desde idades precoces, promover unha boa imaxe das compañías e produtos non saudables, exercer presión sobre gobernos e organismos internacionais, etc.

A captura corporativa das políticas públicas (dentro do ámbito da alimentación e a nutrición) xorde para anticiparse e responder ás iniciativas políticas que busquen reducir o consumo excesivo de alimentos que supoñen un risco para a saúde, co obxectivo de impedir ou demorar a instauración destas políticas, promovendo no seu lugar mecanismos de autorregulación e medidas de carácter exclusivamente educativo, entre outras.

Ver a Carta xunto ás demandas completas.