• Para as principais organizacións ecoloxistas ao ditame da Comisión para a Reconstrución do Congreso dos Deputados fáltalle a ambición e concreción necesarias para abordar os enormes desafíos ambientais e impulsar a transición ecolóxica que necesita a economía e a sociedade.
  • Tamén advertimos de que algúns plans de rescate e estímulo propostos polo goberno central e a desregulación ambiental levada a cabo por varias comunidades autónomas van en sentido contrario á transición ecolóxica.
  • “Nosa saúde e a saúde do planeta reclámannos non desperdiciar unha nova oportunidade”, din os portavoces, “o que obriga a dar un golpe de temón no proceso de reconstrución para dirixirnos cara a unha transformación profunda de todo o sistema produtivo”.

Esta semana votarase no Pleno do Congreso o Ditame da Comisión para a Reconstrución Social e Económica do Congreso dos Deputados. As organizacións ecoloxistas Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF advertimos que a falta de ambición e concreción do ditame pon en risco que o proceso de reconstrución sirva para dar un impulso real á necesaria transición ecolóxica.

O actual é un momento histórico no que por primeira vez a protección do medio ambiente está no centro do debate sobre a recuperación da economía. A crise sanitaria puxo en evidencia a necesidade de abordar a crise ambiental, tal e como demandamos desde fai décadas as organizacións ecoloxistas e sinala a ciencia. Con todo, pese ás promesas dunha reconstrución económica verde, o ditame da Comisión non ten en conta criterios fundamentais para que se materialice o cambio de modelo económico necesario para loitar contra o cambio climático, frear a perda de biodiversidade e previr futuras pandemias.

Para as nosas organizacións, as propostas ambientais recollidas no ditame son demasiado xenéricas, faltas de ambición e sen prazos para a súa execución, o que resulta insuficiente para abordar o enorme reto que supón a transición ecolóxica.

Mentres os partidos debaten no Congreso, moitas das medidas adoptadas polas comunidades autónomas ata agora, lonxe de beneficiar ao interese público, favorecen intereses privados, prexudicando o medio ambiente e a saúde pública. Neste sentido as organizacións ambientais mostramos a nosa preocupación pola desregulación ambiental promovida ou proposta por algunhas Comunidades Autónomas, como Andalucía, Baleares, Galicia ou a Comunidade de Madrid. Tamén desaprobamos os rescates e plans de estímulo económicos desenvolvidos polo goberno central, que ascenden a 150.000 millóns de euros, beneficiando a empresas do sector do automóbil, do turismo ou da aviación, sen incluír ningún condicionante ambiental.

As organizacións ambientais reclamamos á Comisión medidas concretas para unha reconstrución verde que inclúan claramente:

  • Condicionantes ambientais e sociais para os fondos de estímulo  e rescate:  O diñeiro público destinado ás empresas para superar a crise económica derivada da Covid-19 debe supeditarse ao cumprimento da condicionalidade ambiental e social,  de forma que as empresas rescatadas ou impulsadas teñan o compromiso de cumprir os obxectivos do Acordo de París e de frear e reverter a perda de biodiversidade, así como garantir a xustiza social.
  • Reforma da fiscalidade: Para asegurar a continuidade dos investimentos públicos na reconversión ecolóxica da economía é necesario e urxente unha reforma do sistema fiscal. As conclusións da Comisión non rexeitan promover un sistema fiscal xusto e verde, nin a progresividade das medidas fiscais, pero non comprometen medidas concretas.
  • Criterios de investimento sostible: débense definir criterios claros para precisar que tipo de investimentos non son sostibles e esixir ás empresas e institucións financeiras estratexias e plans de obrigado cumprimento para deter a perda de biodiversidade e para a descarbonización.
  • Accións para limitar futuras crises sanitarias: está demostrado que o cambio climático, a perda de biodiversidade e o tráfico ilegal de especies protexidas son causas e agravantes da propagación de enfermidades infecciosas que só poden combaterse e limitarse si se actúa globalmente. Polo que o ditame da Comisión debe incluír medidas contra estes desafíos ambientais.

As organizacións ecoloxistas tamén criticamos a incoherencia de que sexan os mesmos partidos políticos que forman a Comisión de Reconstrución aqueles que gobernan en moitas das comunidades autónomas que están en pleno proceso de desregulación ambiental coa escusa da reactivación económica.

Dada a urxencia de avanzar na transición ecolóxica, xunto á oportunidade histórica que supón o actual marco europeo, as organizacións ecoloxistas solicitamos ao Goberno que elabore unha folla de ruta para unha reconstrución verde ambiciosa e cun calendario claro que concrete as medidas económicas, legais e estruturais que faltan no ditame da Comisión de Reconstrución.