O Goberno lanza a consulta pública previa á elaboración da Estratexia Nacional de Autoconsumo, coa que se establecerán as liñas de actuación para promover o autoconsumo renovable, situando á cidadanía  no centro do sistema enerxético, e activar o seu uso como ferramenta clave na loita contra a pobreza enerxética.

As administracións a todos os niveis son clave para o cambio profundo que necesitamos, pero sen a nosa presión, sen o aumento da enerxía comunitaria e sen unha cidadanía enerxética comprometida, esta transición chegará demasiado tarde para enfrontarnos á crise climática que vivimos. Atopámonos nun momento delicado enmarcado nun inminente plan de recuperación económica tras a devastación producida pola COVID-19. Por iso é urxente asegurar que esa recuperación económica garanta que a nosa sociedade e comunidades locais sexan máis resilientes e máis xustas a longo prazo.

Desde Amigos da Terra levamos moito tempo reclamando a necesidade de pór a enerxía renovable en mans das comunidades e da cidadanía, restando así poder á industria dos combustibles fósiles. Desta forma reduciranse os gases de efecto invernadoiro e as perdas enerxéticas asociadas á xeración, distribución e transporte da enerxía no Estado. A dependencia da enerxía máis contaminante diminuiría e daríase paso a un sistema de enerxía máis descentralizado e democrático.

Ao longo dos anos o desenvolvemento do autoconsumo e das comunidades enerxéticas mantivéronse nun limbo, debido á conivencia entre o oligopolio enerxético e o goberno de quenda, bloqueando moitas das iniciativas cidadás relacionadas coas enerxías limpas. A situación de emerxencia climática á que nos enfrontamos require de transformacións profundas en diferentes ámbitos, e un dos principais é o enerxético. A ciencia leva anos advertindo da necesidade de tomar medidas, e agora é a cidadanía a que se fai eco da ciencia para premer a empresas e administracións.

Tras a eliminación do Imposto ao Sol, o Goberno deu o paso que faltaba para o desenvolvemento libre do autoconsumo compartido, individual e de proximidade con simplificación administrativa e o recoñecemento do dereito á remuneración dos excedentes. Medida que no seu momento celebramos pero que tamén consideramos susceptible de mellora. É por iso que seguiremos traballando para asegurar que se teñan en conta as medidas necesarias que garantan o exercicio do dereito de todos e todas a producir, consumir, compartir, xestionar ou vender a súa propia enerxía.

O prazo de consulta pública é até o 18 de setembro, desde a organización traballaremos e convidaremos á participación para garantir que se tomen medidas concretas que garantan a protección da cidadanía para que cada vez máis, teña un papel activo no sistema, producindo a súa propia enerxía mediante comunidades enerxéticas ou o autoconsumo, e deste xeito poder afrontar mellor as situacións de crises e lograr maiores pasos cara a unha soberanía enerxética.