Das crises sistémicas á xustiza ambiental, social, de xénero e económica.

crise da COVID-19  é o resultado dun sistema económico que prioriza o lucro por encima dos dereitos dos pobos e o medio ambiente.

As causas estruturais das crises socioecolóxicas sistémicas interrelacionadas que enfrontamos -do clima, biodiversidade, alimentación, auga, económica, dos coidados- e as desta pandemia mundial son as mesmas: un sistema capitalista, patriarcal e racista deseñado para a acumulación de capital e a globalización neoliberal axenciada polas grandes empresas.

É por isto que Amigos da Terra Internacional considera que para facerlle fronte a todos os impactos derivados da crise da COVID-19 é urxente e necesaria unha “recuperación xusta” construída sobre a base da xustiza ambiental, social, de xénero e económica.

A recuperación non significa volver ao que se consideraba normalidade. Este é o momento de dar prioridade á sustentabilidade da vida, os dereitos dos pobos e a protección dos medios de sustento e o planeta.

Propoñemos catro principios para a recuperación xusta:

1. Abandonar o neoliberalismo e a austeridade e adoptar políticas e medidas inmediatas baseadas na xustiza, recoñecendo os límites ecolóxicos.

O Estado debe xogar un papel fundamental en garantir os dereitos dos pobos e a xustiza ambiental.

Os paquetes de recuperación pública deben:

  • apoiar directamente aos pobos, en primeiro lugar aos Pobos Indíxenas, as comunidades negras e afrodescendentes e outros pobos que sofren racismo,  as migrantes, as mulleres do campo popular e a clase traballadora.
  • Incluír políticas que propicien a redistribución da riqueza, a autonomía das mulleres, a xustiza fiscal e apoio específico para as pequenas empresas, a favor de traxectorias que nos afasten das industrias extractivas e da dependencia dos combustibles fósiles, incluído apoio a quen traballan en  industrias contaminantes na súa transición cara a novos postos de traballo.
  • Non financiar as perdas económicas das grandes empresas con fondos públicos nin ofrecerlles rescates ás empresas transnacionais, especialmente aquelas que son responsables das crises sistémicas, como as empresas de combustibles fósiles e de minería, agronegocios, aerolíñas e calquera empresa con sé en paraísos fiscais.

Os gobernos deben:

  • cesar as negociacións de liberalización comercial e dos investimentos, particularmente as demandas amparadas no réxime de solución de controversias Inversións – Estado (ISDS, pola súa sigla en inglés).
  • comprometerse a establecer un tratado vinculante para as empresas transnacionais  en materia de dereitos humanos.
  • reverter as reformas laborais neoliberais que desmantelan os dereitos da clase traballadora, por exemplo, revertendo a privatización da seguridade social a mans do capital financeiro.

2. As medidas de recuperación deben fundarse na cooperación multilateral  e a solidariedade internacionalista  e potencialas.

O internacionalismo entre movementos e atravesando as fronteiras axudará a construír respostas colectivas a esta crise. O internacionalismo implica unha comprensión e análise en común sobre todas as formas de opresión, as súas interconexións, así como a necesidade de facerlles fronte a todas globalmente.

As normas internacionais deben establecer a centralidade dos dereitos dos pobos e a xustiza ambiental, social, de xénero e económica. Os países teñen que dispoñer de marxe de manobra en materia de políticas para facerlle fronte ás causas estruturais das crises sistémicas. Isto significa:

  • Anular toda a débeda do Sur global e aplicar o principio do pago e reparacións pola débeda climática e ecolóxica. O Norte global e as institucións financeiras internacionais deben proporcionar novas subvencións con fondos públicos para o Sur global, e eses fondos teñen que ser provistos como subvencións non reembolsables.
  • Os gobernos deben actuar de xeito coordinado para regular ao sector financeiro, impedir a especulación, e limitar e frear os fluxos financeiros e de capital do Sur ao Norte Global.
  • Calquera tratamento ou vacina para a COVID-19 ten que poñerse a disposición de todos os pobos e persoas do mundo, en igualdade de condicións, sen patentes ou outros dereitos de propiedade intelectual.
  • Isto significa que é imprescindible consagrar no dereito internacional a primacía dos dereitos humanos e dos pobos sobre os acordos de comercio e investimentos.
  • É urxente que cesen os bloqueos económicos e as ocupacións que representan unha clara violación do dereito internacional humanitario e os dereitos humanos (como os que se lles impuxeron a Cuba, Palestina e Venezuela).

3. Fortalecer a democracia e protexer os dereitos humanos e dos pobos.

Chamamos á defensa e profundización da democracia, mediante o fortalecemento da participación popular. É necesario reivindicar a política e esixir que se garantan os dereitos dos pobos e a protección da natureza. Debemos unirnos para garantir que:

  • A crise sanitaria non se converta nunha cortina de fume para promover as axendas neoliberais das grandes empresas e os grandes contaminadores, profundando a desregulamentación.
  • Os dereitos dos pobos se protexan custe o que custe, incluído o dereito a manifestar oposición, expresar críticas e protestar.  A criminalización dos movementos sociais, as organizacións e as comunidades ten que cesar.
  • Debe cesar o proceso de erosión da autonomía e dereitos das mulleres sobre as súas vidas e corpos.
  • Póñaselles fin aos gobernos de dereita e opresivos e ao uso que fan da crise da COVID-19 para acrecentar a militarización das sociedades e territorios e impoñer tácticas e técnicas de vixilancia.
  • É necesario construír un mundo onde o dereito a vivir libres de violencia sexa unha realidade, especialmente para as mulleres, as comunidades negras e afrodescendentes e outros pobos que sofren racismo, a poboación LGBTQ e as defensoras dos territorios.

4.  Os gobernos teñen que responder ás múltiples crises sistémicas — da pandemia, desigualdade, clima, alimentación e biodiversidade, e á crise dos coidados — e ás súas causas estruturais, propoñéndose unha axenda transformadora de cambio de sistema.

A crise do coronavirus pon ao descuberto que a destrución dos ecosistemas está facilitando a propagación de patóxenos que afectan a nosa saúde.  Unha recuperación xusta e saudable implica responder á crise de cambio climático e á perda de biodiversidade,  de bosques e outros ecosistemas en todo o mundo.

Isto significa:

  • Os dereitos colectivos dos Pobos deben de recoñecerse, implementarse e respectarse  para que as prácticas milenarias de xestión colectiva dos seus territorios poidan manterse.
  • Unha transformación completa do sistema alimentario liberándoo da agricultura industrial e encamiñándoo en pos da  soberanía alimentaria. Apoio a produtoras e produtores campesiños/as, familiares e artesanais, fortalecer a oferta nacional e local de alimentos, e redireccionar os subsidios para que se apoie a agroecoloxía en lugar da agricultura empresarial. Reforma agraria xenuina, que lle garanta aos pobos o control e a propiedade das súas sementes, terras, auga e coñecementos.
  • Responder á crise do clima e do coronavirus simultaneamente, aplicando o principio de responsabilidades comúns pero diferenciadas e afastándonos dunha economía dependente dos combustibles fósiles cara a unha enerxía 100% renovable, baixo control e propiedade estatal/das comunidades para todas e todos.
  • Construír unha nova economía que sexa redistributiva e saudable por definición, onde o transporte, as comunicacións, a vivenda, a auga e o saneamento, a educación, a saúde, os coidados, a enerxía e a seguridade social sexan un dereito e estean a disposición de todas e todos a través de servizos públicos financiados mediante políticas fiscais xustas. As economías locais e rexionais sustentables vinculadas entre si a través de relacións comerciais equitativas son o alicerce dun sistema transformado.

Esiximos que todas as decisións nacionais/rexionais referidas a rescates, exoneracións tributarias, marcos regulatorios e gasto público, e todas as medidas internacionais/multilaterais necesarias para que podamos recuperarnos da crise da COVID-19 e sortear a crise socioeconómica resultante, réxanse polos principios que seguen a continuación, de xeito tal que nos conduzan a sociedades sustentables e xustas baseadas na soberanía e participación dos pobos.

Principios para unha Recuperación Xusta