Durante setembro e outubro continuaremos co proxecto financiado na convocatoria Iniciativa Xove da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Levaranse a cabo accións participativas nunha temática que nos preocupa sobre maneira, o cambio climático. Gran parte do éxito das propostas de loita contra a emerxencia climática dependen de pequenas decisións individuais do día a día polo que é necesario formar, educar e sensibilizar empregando propostas innovadoras que facilite que chegue a mensaxe aos distintos colectivos da sociedade, sobre todo á xente máis nova. Sen prexuízo de que sigamos formándonos para mellorar as dinámicas de participación da asociación integrando a tan necesaria perspectiva de xénero.

Ata o de agora traballamos a temática do residuos, sobre todo os plásticos, a través da campaña on line “Xullo sen Plástico” onde as nosas activistas compartiron as súas estratexias no día a día para loitar contra o uso abusivo dos plásticos. Na mesma liña realizamos outra campaña para concienciar durante a actual alarma sanitaria do uso deste material como nas máscaras dun só uso, animando ao uso das reutilizables.

Nas vindeiras semanas temos programadas interesantes actividades para seguir sensibilizando sobre a emerxencia climática:

  • Alternativas contra a emerxencia climática. Venres 18 de setembro, Santiago de Compostela

Dentro do programa Compostela + Solidaria e da man da cooperativa de enerxía verde Nosa Enerxía, queremos amosarlle á cidadanía varias solucións sinxelas e prácticas de loita contra o cambio climático que se enmarcan nunha actividade na rúa.

  • Día de Acción Global polo Clima. Venres 25 de setembro, toda Galicia

Xunto co Movemento Galego polo Clima as nosas activistas participarán noutra das accións globais polo clima que se levarán a cabo a nivel internacional para solicitar xustiza social e ambiental ante a actual situación de emerxencia climática.

  • Voluntariado forestal en Touron. Domingo 27 de setembro, Melón (Ourense)

Realizaremos accións de mantemento das plantacións de frondosas que realizamos nos últimos anos tras os incendios do 2017, unha mostra do que o cambio climático pode facer nos nosos montes.

  • Formación sobre Participación con perspectiva de xénero. Venres 2 de outubro (Ourense/online)

Co obxectivo de seguir traballando a introdución da perspectiva de xénero e a mellora dos procesos de participación na organización realizarase esta formación dirixida a traballar o xénero e os coidados en dous dos catro espazos dos grupos: o espazo de toma de decisións e o de xestión emocional.

Están pendentes de poñer data as seguintes actividades que se irá actualizando na axenda da nosa páxina web.

  • Como afecta o cambio Climático na natureza da nosa cidade?  Martes 13 de outubro (Ourense)

Obradoiro para reflexionar sobre a importancia das especies de fauna e flora, xa que cada unha ten o seu papel e é fundamental para o equilibrio do ecosistema. A través de actividades lúdicas aprenderemos a identificar as especies autóctonas máis habituais de Galicia.
Abordaremos as consecuencias do quecemento global en relación a elas e que podemos facer para minimizar o dano que vimos provocando á natureza, de modo que podamos seguir habitando este planeta, utilizando os recursos naturais de forma mais sostible, en sintonía co resto de especies que o habitan e que son esenciais para a nosa presenza aquí.
Ao finalizar, daremos un paseo polo río para poñer en práctica o aprendido durante a sesión e identificar as especies que atoparemos no camiño.

  • Limpeza e eliminación de vexetación invasora en praia América (Nigrán)
  • Visita a explotación ecolóxica Granxa da Fonte (Pantón – Lugo)