O vindeiro 25 de setembro, 25S, levarase unha nova convocatoria mundial para demandar accións globais contra o cambio climático. Desde Galicia, o Movemento Galego polo Clima, realiza accións baixo o lema Xustiza climática para sair de todas as crises! #XustizaClimática, que se realizarán entre o 21 de setembro e o 4 de outubro. Concretamente Amigos da Terra participará nas seguintes actividades:

  • Conversa sobre como comunicar o Cambio Climático / xoves 24 / 20 h / online.

Verdegaia organiza a presentación en  streaming de O Libro do Clima publicado por Catro Ventos editora e na que Patricia Iglesias, membro de Amigos da Terra, debaterá xunto con Miguel Pardellas, membro de Verdegaia e educador ambiental,  sobre a maneira en que podemos comunicar o cambio climático e incidir socialmente na comprensión do mesmo.  Máis información aquí>>

  • Voluntario forestal contra a Emerxencia Climática /domingo 27 / 10:30 / Tourón (Melón).

Continuamos cas labores de mantemento das zonas restauradas desta  aldea ourensana afectada pola vaga de lumes que devastaron milleiros de hectáreas en Galiza no 2017.  Dende entón estamos a levar accións de restauración, plantación e conservación do monte autóctono  para chamar a atención sobre a problemática dos incendios forestais, como os que están asolagando a provincia este verán. Estes son consecuencia da nefasta xestión forestal e o abandono do noso rural, que se ven agravados polos efectos do cambio climático. Máis información aquí>>

 

A pandemia da COVID-19 fixo tremer as bases do noso sistema. Evidenciáronse as debilidades e contradicións dunha economía depredadora que se atopa ao límite do colapso; dun sistema neoliberal que precariza os servizos públicos e crea grandes desigualdades; dunha globalización que se sostén sobre a explotación do territorio e as persoas, e que globaliza tamén a catástrofe, en forma de pandemia, de cambio climático ou de inestabilidade económica. O virus non é causa, senón consecuencia dunha crise sistémica profunda, e supón un cambio de contexto que apenas empezamos a comprender. Necesitamos actuar, reivindicar Xustiza Climática para sair destas crisis, realizando accións en diferentes lugares do mundo e concretamente en Galicia levaranse todas estas actividades.

Estas actividades englóbanse dentro da Escola de Activismo da convocatoria de Iniciativa Xove.