Máis de 400 persoas do mundo da investigación e a ciencia asinaron un manifesto dirixido ao Congreso para defender que a lei estableza un comité científico forte e independente que avalíe a futura política de cambio climático en España.

Así o reclamamos os principais grupos ecoloxistas do Estado español (Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF) entre unha serie de emendas enviadas aos grupos políticos no Congreso de cara á Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.

Cos grupos políticos a piques de presentar as súas emendas ao proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, os principais grupos ecoloxistas a nivel estatal, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF, estamos alertando sobre a necesidade dunha lei con moita máis ambición e urxencia, así como un maior respaldo científico nos obxectivos, xunto cunha proposta firme e detallada dun comité científico de persoas expertas e independentes.

Neste sentido, as organizacións ecoloxistas apoiamos plenamente o manifesto pola ciencia e pedimos a creación dun comité forte e independente para o cumprimento da Lei de Cambio Climático, en liña con outras leis estatais xa aprobadas en países da nosa contorna. A formación deste comité deberá incluír os mecanismos necesarios para asegurar a participación das mulleres nel, como forma de impulsar a equidade de xénero en políticas climáticas como así vén indicado tanto a nivel europeo como internacional. O manifesto, feito público hoxe, está aberto a adhesións e xa foi asinado por máis de 400 persoas do mundo da investigación e a universidade, máis de 100 catedráticos e catedráticas, ademais de varias sociedades científicas.

A comunidade científica estima que hai que definir desde o principio a función deste novo órgano independente, polo que esixen que a norma marque xa uns requisitos básicos de funcionamento. O texto do manifesto considera fundamental a constitución dun Comité de persoas expertas, transparente e con capacidade de avaliar a actuación do Goberno. Para iso, a lei debe asegurar a súa independencia de grupos de presión, especialmente de influencias partidistas e empresariais, tanto na súa composición e nomeamento como no exercicio das súas funcións. Ademais, debe dotarse de recursos suficientes e favorecer a transparencia mediante a publicación dos seus informes.

“O comité –sinala o manifesto– formaría parte dunha aposta imprescindible polo coñecemento como elemento clave para o progreso da nosa sociedade á hora de buscar as mellores saídas posibles ás múltiples crise -ambiental, social, laboral e económica- asociadas á urxencia climática, a perda de biodiversidade e a pandemia”.

Durante os últimos tres meses, as cinco entidades ecoloxistas presentamos e debatido unha serie de posibles emendas ao texto lexislativo en reunións coa maioría dos grupos políticos no Congreso. O prazo para a presentación das emendas dos partidos acaba este mércores e pasa directamente á negociación dunha nova versión do proxecto de lei en base ás emendas capaces de xerar un consenso ou maioría de votos na Comisión para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do Congreso.

Para as nosas organizacións, ir moito máis lonxe nos obxectivos de redución das emisións, en liña cunha redución de emisións dun 55 % para 2030 respecto ao 1990 en lugar do 20 % proposto polo Goberno, é un alicerce fundamental para o texto lexislativo, xunto cunha serie de emendas asociadas que apuntan a máis ambición e urxencia en relación coas enerxías renovables, o abandono das enerxías nuclear e fósil, e os coches de combustión.