Amigos da Terra xunto cun grupo de colectivos e organizacións agrarias, ecoloxistas e sindicais rexistramos, o pasado 8 de outubro, un documento dirixido ás consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente para que emprendan accións, con carácter de urxencia, de cara a paliar a degradación das áreas arrasadas polos lumes forestais tal e como recolle a propia lexislación

As nefastas políticas forestais e para o medio rural das últimas décadas asolan o país cuns lumes que, reiteradamente, se ceban tamén cos espazos protexidos. Mais isto non é casualidade, senón froito da falta de planificación e amparo dos mesmos.

O impacto dos incendios é insoportable e as perdas son incalculables. Mais a destrución non queda só no material, xa que o desastre ambiental é de gran magnitude e de moi difícil recuperación. A perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, pero estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume mediante as tarefas de protección, restauración e rexeneración.

Hai innumerables documentos e informes internacionais que apoian esta tese e suficiente lexislación que ampara e obriga de realizar estes labores, mais a Xunta de Galicia continúa na inopia, ano tras ano, sen establecer unha planificación clara ao respecto e sen executar os traballos que corresponden. Quedando estas tarefas en mans do voluntariado que fai un esforzo inmenso, mais insuficiente, por atallar o problema.

É por iso que as entidades asinantes presentamos un escrito de demandas ante a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que aproben medidas inmediatas, tal e como recolle a lexislación na materia, dotando do orzamento necesario para realizar os traballos imprescindibles que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal dos montes afectados, de xeito inmediato.

Pódese consultar o documento aquí >>>

Lembramos que, por todos os motivos expresados en diferentes comunicados e escritos dirixidos á administración e goberno de Galicia, tras a vaga de lumes de 2020, hai aberta unha campaña para esixir a dimisión do Director Xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, en http://chng.it/qfcCHPDX

Entidades asinantes

Amigas das Árbores

Amigos da Terra

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Asociación Galega de Apicultura (AGA)

Asociación Frouma

Asociación Montes da Galiza (MONTEGAL)

Confederación Intersindical Galega (CIG)

Federación Rural Galega (FRUGA)

Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)

Sindicato Labrego Galego (SLG)