As asociacións Amigos da Terra e Amigas das Arbores de Ourense sumanse a denuncia da Asociación para la Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e demandan a paralización das obras da estrada OU-0509 que afectan ao patrimonio cultural e ambiental de San Pedro de Rocas na Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra Patrimonio Mundial da Humanidade, esta pendente da declararación pola UNESCO, entón como é posible que as administracións públicas ordenen, autoricen intervencións e obras que estraguen dito patrimonio? O proxecto de corta polo pé de 83 árbores, a destrucción de solo arqueolóxico, a eliminación de elementos etnográficos e culturais da contorna de San Pedro de Rocas pon en risco a unha das xoias do conxunto da Ribeira Sacra, estraga a integridade do Patrimonio Natural e Cultural do ben de interese cultural (BIC) San Pedro de Rocas e pon en risco a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

San Pedro de Rocas é Patrimonio Histórico dende 1923, BIC, na categoría de Paisaxe Cultural, dende 2018 e unha das xoias naturais, paisaxisticas, medioambientais, históricas, arqueolóxicas, artísticas e antropolóxicas do conxunto da Ribeira Sacra. San Pedro de Rocas é o mosteiro máis antigo deste territorio da provincia de Ourense e Lugo, o único que evidencia pegadas e elementos materiais que demostran a máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular e que, ademais, presenta culto pagano prehistórico, precedendo en varios séculos ao culto cristiana. Pegadas e restos arqueolóxicos e materiais que se conservaron ao longo do tempo e que hoxe corren o risco de sufrir danos irreversibles por unha actuación institucional inxustificada.

A súa vez, o gran complexo rupestre de San Pedro de Rocas, que ocupa alomenos unha superficie de 30 hectáreas, xustificada e argumentada ao traveso da investigación científica cos criterios III e IV do expedente da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, demostrando súas orixes sacras, tanto na súa vertente pagana como cristiana, remontándose cando menos ao 10.000 a. C., tal e como reflicten as últimas investigacións e achádegos realizados. Sin dita investigación e correspondentes resultados non se podería documentar científicamente as orixes sacras da Ribeira Sacra. A todo elo hai que sumar, como valor engadido, a denominada viticultura heroica coa paisaxe de bacelos en socalcos, unha das intervencións humanas que configuración e se integraron de maneira armónica na paisaxe singular deste recuncho de Galicia (xunguido á expansión do monacato benedictino), un valor antropolóxico exemplo de continuidade histórica. Destacar tamén, as formacións xeolóxicas con rochedos de grandes dimensións e figuras zoomorfas antropomórficas; a riqueza da súa biodiversidade tanto de flora como de fauna sendo a contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas un claro exemplo do gran valor das formacións arbóreas tanto de fragas autóctonas como de plantacións de árbores forestais que incrementan a súa valor paisaxística forestal e natural.

Nestes intres, cando a decisión da declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade está a punto de acadarse, co esforzo que elo supuxo para as administracións públicas implicadas, resulta incomprensible que unha institución como a Deputación de Ourense promova, orzamente e autorice unha obra que vai totalmente en contra dos preceptos ca UNESCO esixe para declar un espazo como Patrimonio Mundial, unha obra que atenta a conservación do patrimonio natural, a biodiversidade e ao patrimonio cultural do propio BIC de San Pedro de Rocas e a súa área protexida pola Lei.

O valor natural da Ribeira Sacra é incalculable e está protexido grazas á declaración de BIC, como Paisaxe Cultural, pondo de manifiesto os seus valores universais, destacados na páxina oficial da Xunta de Galicia:

Presentamos esta candidatura á Lista do Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, unha paisaxe cultural evolutiva viva formada polas Ribeiras do Sil e o Miño e as herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, cunha orixe que se remonta ao século IV, e xa documentada dende 1124 como un territorio sacro. Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural de Valor Universal Excepcional que representa o único exemplo conservado no occidente europeo do monacato ascético á imaxe do oriente cristián nun territorio de acollida, modelado polas sucesivas comunidades relixiosas que erixen un conxunto excepcional de arquitectura sacra, e polo traballo intenso das comunidades locais ao longo dos séculos en pendentes imposibles con policultivos adaptados ao clima e aos cambios dos modelos sociais e económicos, e que hoxe resulta un ben extraordinario para toda a humanidade.” (https://candidaturaribeirasacra.gal/historia).

Diante dos valores de San Pedro de Rocas e do conxunto da Ribeira Sacra, é incomprensible e inxustificable atentar contra as Leis do Patrimonio Natural e Cultural, estatais e autonómicas, atentado nun espazo protexido, e que sexa a mesma administración, que debe velar e facer cumprir a Lei, a que o promove este grave atentado patrimonial. Unha obra promovida pola Deputación Provincial de Ourense, cos parabéns e autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda do goberno da Xunta de Galicia.

Obra xustificada cos argumentos de facer máis doado o acceso a grandes autobuses A San Pedro de Rocas e a vez “preservar o Patrimonio Natural”, lembrar que esta obra vai eliminar 83 árbores de gran valor etnográfico-cultural, natural e paisaxístico. Ao mesmo tempo, e por medio dun procedemento de expropiación forzosa, con fin de ampliar estrada OU-0509 eliminaranse muros de pedra en seco, forte movemento de terras, troco de sitio dun cruceiro que hai a carón do pazo do século XVIII “Pazo da Coutada”, entubarase un paso de auga existente, construcción dunha rotonda…en definitiva, son actuacións e obras que atentan contra o patrimonio natural, contra os valores etnográficos-culturais, contra a paisaxe, modificarase a estrutura e a fisionomía deste lugar, atentarase contra un dos conxuntos monumentais máis importantes do conxunto da Ribeira Sacra, o BIC San Pedro de Rocas perderá parte dos seus valores.

Todo este proxecto da Deputación de Ourense con gasto de diñeiro público que xustificación ten e para que sirve? pois para ampliar unha estrada, construir unha rotonda e facer maís doado o acceso a grandes autobuses a San Pedro de Rocas (hoxe xa chegan sen problema os grandes autobuses) poden quedar a 800 escasos metros do mosteiro e contan con espazo para facer aparcamentos disuasorios axeitados, os microbuses e pequenos autobuses asi como vehículos xa chegan hoxe as portas do mesmo mosteiro.

A corta polo pé das 83 árbores previstas, a afectación ao Pazo de A Coutada e aos seus muros, mudar a ubicación do cruceiro, o movemento de terras, o estrago absoluto do solo arqueolóxico nunha gran superficie que aínda está por investigar e por descubrir, o cambio da paisaxe e da fisionomía deste recuncho non se pode xustificar.

Como é posible permitir estas actuacións, como se pode xustificar cas mesmas administracións públicas que traballan e promoven a declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade da Ribeira Sacra atenten, destrúan e alteren un dos monumentos máis importantes de Galicia. A todas luces resulta incomprensible, intolerable e inxustificable.

Estas obras van estragar a paisaxe, a biodiversidade, o patrimonio etnográfico-cultural, a historia… todo esto é o que vai acontecer de levar adiante estas obras promovidas e orzamentadas pola Deputación de Ourense co visto bo da Xunta de Galicia.

A Deputación de Ourense e Xunta de Galicia estan mergulladas nunha profunda contradicción. Unhas administracións públicas que teñen a obriga de lexislar e facer cumprir as normas legais, unhas administracións públicas que teñen que aplicar o sentido común e o principio básico de precaución, atentan contra o patrimonio común de todos os galegos e galegas, atentan contra o patrimonio da Humanidade!

Resulta imprescindible conservar aquelo que aínda poseemos, que ten valor e se atopa en bo estado. Resulta esencial conservar o patrimonio natural e cultural para o desenvolvemento sustentable tanto das actuais como das xeracións futuras.

Ogallá impere o sentido común e sexan capaces de recapacitar evitando este atentado contra unha das nosas xoias patrimoniais, de non facelo, os danos seran irreversibles e laiaremonos cando xa non haxa solución. Evitémola desfeita.

DATOS DO PROXECTO

PROXECTO DE CORTA POLO PÉ DE 83 ÁRBORES E DESTRUCCIÓN DE ELEMENTOS PATRIMONIAIS, ARQUEOLÓXICOS, NATURAIS E CULTURAIS DO BIC, SAN PEDRO DE ROCAS: PAISAXE CULTURAL.

Estrada OU-0509 do punto quilométrico 9,940 ao 10,600 (105/POS/2019), Concello de Esgos (Ourense)

Promove e orzamenta: Deputación Provincial de Ourense.

Autoriza: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Xustificación da obra: Preservar o Patrimonio Natural, ao reducir o número de árbores a tallar.

Fin: Proxecto de Acondicionamento e mellora integral da estrada para facilitar o tránsito a grandes autobuses para o seu acceso directo a San Pedro de Rocas.

Procedimiento: Expropiación Forzosa

Estado Actual: Entorno perfectamente integrado, conservado e con suficientes accesos para todo tipo de vehículos, incluso grandes autobuses.

Localización: Concello de Esgos, Ribeira Sacra (Ourense). Espazo de alto valor medioambiental, etnográfico-cultural, actualmente Candidato a súa declaración como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO

Os distintos grupos ambientalistas, sociais e culturais imos dirixir escritos ao Presidente da Deputación de Ourense, Presidente da Xunta de Galicia, Responsable da UNESCO no Estado español e a tódolos organismos con competencias na materia para evitar este atentado contra os valores etnográficos-culturais, contra a biodiversidade e a paisaxe que identifica e pon en valor o conxunto do BIC de San Pedro de Rocas e a Ribeira Sacra.