Amigos da Terra, en colaboración coa Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES), a Red Regional de Mujeres del Sur, a Red Municipal de Mujeres e a Oficina Municipal de la Mujer de El Corpus como aliadas estratéxicas, iniciou o pasado mes de agosto o proxecto Mellora da equidade de xénero coa promoción dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais, a soberanía alimentaria y os microemprendementos de mulleres rurais no Corpus, Departamento de Choluteca (Honduras)”. Financiado pola Cooperación Galega, extenderase ata finais de 2021.

O seu obxectivo é traballar para poñer fin a todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres e as nenas a través da xustiza de xénero, a soberanía alimentaria e a economía local en 14 comunidades rurais do sur do país. A través de diferentes actuacións enfocadas na loita contra o empobrecemento e a fame, e a promoción da sustentabilidade ambiental e o desenvolvemento económico local; participarán directamente trescentas familias de mulleres lideresas, produtoras, docentes, tomadoras de decisións e operadoras de xustiza.

O proceso de empoderamento de todas estas lideresas, iniciouse co fortalecemento organizativo da Rede de Mulleres do Corpus, a elaboración dun Plan Operativo Anual para a Oficina Municipal da Muller e a construción dun plan de acción para a actualización e aplicación da política de xénero municipal. En paralelo, estase a facilitar un proceso de formación sobre as diversas formas de violencia de xénerol o marco legal e os mecanismos de protección do Estado cara as mulleres.

Para promover a conservación ambiental na Área Protexida do Cerro Guanacaure iniciamos o establecemento dun viveiro artesanal na comunidade de La Palma e temos previsto outro na comunidade de La Montaña. Xa realizamos 4 xornadas de reforestación coa plantación de máis de 2.000 árbores e 400 plantas frutais, que servirán para a posterior formación de promotoras comunitarias en conservación ambiental.

Na nosa aposta pola soberanía alimentaria iniciamos coa socialización e construción participativa dos procesos formativos para o deseño e planificación de sistemas productivos agroecolóxicos, a aplicación dos principios do método de cultivo biointensivo nas hortas familiares e a producción artesanal de sementes de grans básicos (millo, feixón, sorgo…) e hortalizas (tomate, pemento, leituga…).

Por último, no eido do desenvolvemento económico, orientado á xeración de oportunidades de emprego para as mulleres, a través da produción comunitaria nos mercados locais, temos iniciado procesos de fortalecemento dos grupos de produtoras a nivel organizativo, así como a identificación de iniciativas económicas locais para a análise das súas potencialidades e a elaboración de plans de negocios