As propias veciñas e veciños do municipio que xa están compostando son protagonistas dunha orixinal serie de vídeos de difusión da campaña, que se moverá polas redes sociais e que pretende captar a 200 novos participantes

A cantidade de residuos xerados pola cidadanía está en crecente aumento, e a xestión actual non consigue aproveitar os recursos pechando o ciclo da materia orgánica sen un impacto na calidade ambiental da cidade. É por isto que o Concello decide poñer en marcha este programa de compostaxe doméstica destinado a toda a súa poboación que conte cun pequeno terreo no que compostar os seus residuos orgánicos, impedindo que cheguen aos contedores da rúa e pechando o ciclo da materia nos fogares.

O prográma atópase actualmente na primeira fase de difusión e captación de participantes, e nesta ocasión o Concello decidiu apostar por un modelo de difusión orixinal e adaptado aos tempos que corren. Cinco pequenos e orixinais vídeos de participantes de edicións anteriores contan a súa experiencia e convidan a participar aos novos veciños e veciñas. Difundiranse a través de facebook, twitter, whatssap e a web do Concello, pretendendo chegar e convidar a toda a cidadanía de Camariñas.

Hoxe publícase o primeiro

 

Serán así 200 novas familias reducindo residuos a partir da implantación do programa e transformándoos en compost para os seus xardíns ou plantas. Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á planta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e por tanto freando o cambio climático.

Dada a experiencia da organización Amigos da Terra neste eido, e a súa dilatada traxectoria en proxectos de compostaxe doméstica, para a realización deste proxecto, solicitouse a colaboración da asociación, nas tarefas de formación, seguimento e avaliación dos participantes.

O proxecto, financiado pola Consellería de Medio ambiente e ordenación do terriorio , durará 12 meses e arranca hoxe a súa campaña de difusión e a apertura da fase de solicitude de participantes.

Unha vez seleccionadas as 200 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán a estas familias ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso.

Coa compostaxe estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviadas ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un produto de calidade para os solos do noso Concello”, declara Sergio Caamaño, Concelleiro de Medio Ambiente e responsable do proxecto.

O único requisito para formar parte deste programa é, ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a a formar parte deste proxecto educativo e formativo.

Inscricións: 981 737 004 medioambiente@camarinas.net