A Semana Europea de Redución de Residuos, que se celebra do 21 ao 29 de novembro, coincide cun momento crítico para a xestión dos residuos no noso pais, onde aínda se xeran case 500 kg de residuos municipais por persoa ao ano .

Apenas se recicla un 36%, moi por baixo da media europea, e case un 60% acaba en vertedoiros, cifras que incumpren os obxectivos marcados polo goberno e pola UE

A Semana Europea de Redución de Residuos coincide este ano coa reforma do marco legal de residuos que o Goberno puxo en marcha para cumprir coa nova normativa europea de Economía Circular e de plásticos. Nun contexto de crise para a xestión dos residuos en España ante o incumprimento dos obxectivos marcados polo goberno e pola UE, esta reforma sinálase como clave para un cambio de paradigma que evite perpetuar o modelo de produción e consumo baseado no “usar e tirar”.

Segundo a organización Amigos da Terra débese poñer a prevención e a responsabilidade empresarial no centro das políticas.

Urxe definir con claridade as obrigas das empresas, que son as principais responsables da xeración de residuos, e poñer en práctica o principio de “quen contamina paga”. Declarou María Durán , responsable de Recursos Naturais e Residuos de Amigos da Terra. “Só así, esta reforma lexislativa dará resposta aos retos que expón a emerxencia climática e o necesario cambio cara a unha economía circular que sexa coherente cos límites do planeta e respectuosa cos dereitos humanos”.

Como veñen denunciando Amigos da Terra e outras organizacións ecoloxistas, o Anteproxecto de Lei de Residuos e solos Contaminados presentado polo Goberno o pasado xuño está lonxe de responder a estes retos. Demandan unha Lei que incorpore obxectivos máis ambiciosos para reducir a xeración de residuos a niveis de 2010, limitando para iso a fracción resto a 100 kg por habitante e alcanzando unha redución de residuos do 20% para 2030.

Con este fin, Amigos da Terra apunta que se deben adoptar medidas concretas no ámbito da prevención que aborden as primeiras fases do ciclo de vida do produto (concepción e deseño, produción e consumo) e que sexan efectivas para reducir a cantidade de recursos empregados, os residuos xerados e os seus impactos sobre o medio ambiente, así como a toxicidade de materiais e produtos.

“Poñer o foco das políticas na fase de xestión e eliminación de residuos demostrou ser ineficaz para reducir os impactos ambientais, e descargou inxustamente sobre a cidadanía a responsabilidade de facilitar a reciclaxe”. “Este enfoque contravén a xerarquía de residuos establecida pola UE e é ademais ineficaz, sobre todo para certas fraccións como envases e plásticos. Segundo datos recentes, co actual sistema de contedores só reciclamos o 25% dos envases. É unha vergoña e demostra que, claramente, reciclar non é a solución”.

Fronte a esta estratexia errada, a organización sinala que a lei debe apuntar cara aos primeiros responsables da xeración de residuos: as empresas. Esixir a redución do sobre-envasado e os envases superfluos; eliminar os produtos e envases de usar e tirar, e sobre todo “evitar caer en falsas solucións como os mal chamados bioplásticos, que entre outros inconvenientes agravan o problema do lixo disperso”.

Entre outras medidas, a organización sinala tamén a necesidade dunha aposta decidida por combater a obsolescencia programada e percibida, e alongar a vida útil dos produtos, a súa reparación e reutilización establecendo requisitos de deseño e produción, e fomentando os servizos de reparación e venda de segunda man, incluíndo medidas fiscais.

Fixar obxectivos específicos por fluxo de produto (tales como téxtil, envases e produtos de hixiene persoal), implantar un sistema de depósito, devolución e retorno ( SDDR), garantir unha recollida e tratamento efectivo da materia orgánica e desincentivar mediante un imposto verde tratamentos finalistas como o vertido e incineración son outras das medidas que a organización sinala.

En definitiva, ante a situación nefasta dos residuos no Estado español Amigos da Terra sinala que non se pode permitir máis maquillaxes nin lavados de cara. “Debemos aproveitar o contexto para dar un xiro de 180º ao noso modelo de produción e consumo, ou dar ao problema outra patada máis cara a adiante, nun momento onde o tempo para actuar acábase”.

Durante esta semana Amigos da Terra xunto a activistas de todo o Estado español poñen en marcha a iniciativa “SobranENVASESfaltanNORMAS” coa que denuncian ás empresas envasadoras, produtoras e distribuidoras como principais responsables da crise de residuos e piden ao Goberno unha Lei de Residuos urxente e efectiva.