Este sábado 12 de decembro cúmprense cinco anos do Acordo de París. A pesar de ser un dos maiores compromisos internacionais para abordar a crise climática que se alcanzou na historia, vemos como os gobernos e empresas dedícanse a pospoñer a implementación de medidas ambiciosas e urxentes para facer fronte a esta crise. Tras cinco anos, as emisións de gases de efecto invernadoiro seguen aumentando e as grandes empresas contaminadoras dedícanse a lavar a súa imaxe con campañas de greenwashing.

Por este motivo, as organizacións que pertencemos a Rebelión polo Clima 2020 organizamos mobilizacións por todo o estado para denunciar a inacción climática de Gobernos e empresas.
As organizacións súmanse ás mobilizacións que se están producindo en toda Europa para esixir medidas que limiten a 1,5 º C o aumento da temperatura global, tal e como establece o Acordo de París.

Mentres non exista unha resposta adecuada á emerxencia climática, que inclúa as medidas necesarias para acabar co consumo de combustibles fósiles, non haberá nada que celebrar. A industria fósil -baseada nunha lóxica de crecemento ilimitado dos seus beneficios- foi e é a principal responsable do incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro. Os Gobernos de todo o mundo cederon ás súas presións ao longo dos anos, antepoñendo as necesidades desta industria ao benestar da cidadanía. Hoxe, nun contexto de pandemia global sen precedentes, esas mesmas empresas tentan absorber os fondos destinados á recuperación económica ante a crise xerada pola COVID-19, sen ningún tipo de compromiso climático, ambiental ou social. De ser así, os gobernos e empresas estarán a perpetuar o mesmo modelo depredador que nos abocou á emerxencia climática que vivimos. Por todo iso, a sociedade civil vese obrigada a dar un paso á fronte co obxectivo de reducir drasticamente as emisións e construír outro modelo máis sostible e resiliente.

Despois de cinco anos, non podemos quedarnos esperando a que os nosos líderes cumpran a promesa que fixeron en París. Se seguimos permitindo a falta de accións dos Gobernos, a crise climática será incontrolable nos próximos anos e provocará unha degradación sen precedentes nas condicións de vida de toda a poboación, especialmente nas persoas máis empobrecidas dos países do Sur Global. É hora de mostrar a determinación da sociedade civil.

O ano 2019 marcou un máximo histórico nas emisións globais e, a pesar dos efectos do parón provocado pola crise da COVID-19, en 2020 continúa a mesma tendencia. Mentres tanto, o planeta dá cada vez máis sinais de graves alteracións climáticas: as choivas torrenciais, os episodios de seca e os grandes incendios forestais seguen alcanzando enormes dimensións e terribles consecuencias. De feito, prevese que este ano sexa o terceiro máis cálido xamais rexistrado.
Desde a adopción do Acordo de París, protestas masivas nas rúas de todo o mundo demandaron, en repetidas ocasións, xustiza climática e o cumprimento do consenso científico de reducir ao máximo as emisións de gases de efecto invernadoiro. En España, sería necesaria unha diminución de polo menos o 55 % das emisións de gases invernadoiro antes de 2030 respecto a 1990; con todo, o Goberno aposta por unha redución de tan só o 23% para 2030, un obxectivo moi afastado das recomendacións científicas.

En Galicia contaremos con pequenas accións descentralizadas, debido ás limitacións de actividades grupais, con accións en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Compostela durante os días 11 e 12 de Decembro. Atención ás redes sociais onde se irán divulgando as fotografías das accións.