O 12 de decembro conmemórase o quinto aniversario da adopción do Acordo de París, polo cal 197 países acordaron limitar o aumento da temperatura mundial moi por baixo de 2°C respecto dos niveis preindustriais, coa meta posta en 1,5°C.

As promesas e os compromisos nacionais, que son a columna vertebral do Acordo de París, son insuficientes para manter o quecemento global dentro destes límites de temperatura, e sinalamos que non teñen en conta a distribución equitativa da responsabilidade entre os países.

Os países desenvolvidos non presentan medidas suficientemente ambiciosas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e proporcionar aos países en desenvolvemento o financiamento e a asistencia técnica acordada para mitigación, adaptación e para afrontar as perdas e danos.

No quinto aniversario da firma do Acordo de París, denunciamos a falta de cumprimento efectivo dos compromisos climáticos establecidos no marco da Convención das Nacións Unidas sobre o Clima e sinalamos particularmente a irresponsabilidade do Norte global que está moi lonxe de facer o que lles corresponde nun reparto xusto de responsabilidades, non só na redución de emisións senón tamén en canto a posibilitar unha adaptación adecuada, encarar as perdas e danos nos países pobres e brindar financiamento climático real.

“Aínda que o Acordo de París non satisfai as necesidades de xustiza climática nin da ciencia sobre o clima, o feito que se asinase foi importante para demostrar unidade a nivel mundial e a necesidade urxente de limitar o aumento da temperatura media mundial a 1,5 graos Celsius. Pero a cinco anos da súa adopción, o mundo segue plagado de desigualdades, estamos enfrontándonos a crises máis profundas de desemprego, os proxectos de combustibles fósiles crecen e os rescates ás empresas máis contaminantes seguen á orde do día nun contexto marcado pola pandemia mundial da COVID-19”. sinalou Cristina Alonso, nosa responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra e engadiu. “A orixe de todas estas crises interrelacionadas é o capitalismo extractivista movido polo seu afán de lucro. Necesitamos un cambio de sistema. Hoxe en día é posible impulsar sistemas enerxéticos renovables de propiedade comunal tanto aquí como en todo o mundo. Persoas en todo o mundo e, sobre todo as que están na primeira liña fronte ao cambio climático deben poder seguir protexendo os ecosistemas que nos nutren a todas/vos e ao planeta».

Ademais sinalamos o intento de engano á cidadanía cos compromisos de metas de “emisións cero” (“cero neto”). Un concepto que a organización considera perigoso ao ser utilizado convenientemente por empresas contaminantes e gobernos para eludir a responsabilidade de reducir as súas emisións usando terras, bosques, lagos e territorios do Sur global como sumidoiro das súas emisións de carbono.

Para finalizar, facemos un chamamento ao Goberno de España a aumentar a súa ambición en términos de obxectivos de redución de emisións, asumindo a súa responsabilidade histórica e a través de políticas baseadas na xustiza climática onde se asegure a protección dos dereitos das comunidades e os seus territorios e a súa participación na transición ecolóxica e recordamos á UE que Europa é responsable de gran parte do carbono que requenta hoxe en día a atmosfera, pero non está facendo o suficiente para deter a crise climática e cumprir co acordo que fixeron e aprobaron en París fai cinco anos.

“Quen máis van sufrir son o planeta e os pobos máis afectados polo caos climático en todo o mundo. Debemos facer algo xa” finalizou Cristina.

Desde Amigos da Terra animamos a participar na concentración organizada o venres 11 por Mocidade polo Clima así como as distintas accións convocadas o sábado 12 por Extinction Rebelion.