Lanzamos hoxe 22 de decembro, xunto á Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial, unha campaña para a petición dunha moratoria á gandería industrial en España.

  • Solicitamos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que se suspenda de xeito urxente a concesión de licenzas de nova creación e ampliación para explotacións de gandería industriais ante a súa proliferación desmesurada e descontrolada en España.

  • As explotacións gandeiras industriais xeran graves riscos para a saúde pública, o medioambiente, o mundo rural e o benestar animal.

Entre 2013 e 2019 a proliferación desmesurada de explotacións industriais converteu a España no líder europeo no uso de antibióticos, contaminación da auga e contaminación do aire asociados a este modelo de produción. A Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial, da que Amigos da Terra forma parte e que agrupa decenas de movementos veciñais rurais de diversos lugares de España xunto con organizacións nacionais e internacionais, canalizou a gran mobilización social de rexeitamento á desmesurada e descontrolada expansión da gandería industrial en España e solicitamos hoxe á Administración do Estado que tome medidas para regular este sector cunha visión de conxunto.

“Non se está avaliando a capacidade de cada territorio para acoller este tipo de actividades, que son máis industriais que gandeiras, o que está levando a que moitos pobos se queden sen auga potable”, asegura Inma Lozano, voceira da Coordinadora Estatal. “No medio rural necesitamos emprego de calidade con actividades sostibles que coiden dun recurso imprescindible, e un dereito humano, como é a auga”, engade a voceira.

A Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial, co apoio de Food & Water Action Europe, Amigos da Terra, Xustiza Alimentaria, València Animal Save, Ecoloxistas en Acción e Compassion in World Farming, demanda parar este crecemento descontrolado do sector e orientalo cara a un modelo que responda ás necesidades das persoas consumidoras, os e as gandeiras, a poboación do medio rural, o medioambiente e a urxente loita contra a crise climática.

“A gandería industrial supón un risco importante para nosa saúde, a nosa seguridade alimentaria e o cumprimento dos obxectivos climáticos a cambio de conseguir carne barata” sinalou Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra e engadiu “É urxente que tanto Luís Planas como Teresa Ribeira mostren o seu compromiso co medioambiente, coa España rural e con todos os consumidores e consumidoras, suspendendo de xeito inmediato a concesión de licenzas de nova creación e ampliación para explotacións de gandería industrial”.

Dende Amigos da Terra, xunto á Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial lanzamos desde hoxe unha campaña de petición de firmas para reclamar a moratoria á gandería industrial: https://www.tierra.org/firma-para-frenar-la-ganaderia-industrial/