Dende a Plataforma Galiza un Futuro sen Carbón celebramos a decisión definitiva de Endesa de pechar a central de carbón das Pontes como un enorme éxito na loita desde a nosa terra contra a emerxencia climática global!.

Confirmada a inviabilidade da falsa solución da co-combustión de carbón e residuos, agora cómpre centrar por fin os esforzos na implementación dun Convenio de Transición Xusta que non esqueza tampouco a transportistas do carbón e a traballadores das industrias auxiliares.

Un dos maiores focos emisores de GEI de Europa

O cesamento da actividade da central de carbón das Pontes acabará co maior foco galego de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e un dos principais de Europa.

Antes da brusca caída da súa produción, na primavera de 2019, representaba nada menos que un 25% do total das emisións territoriais galegas de GEI (1). E mesmo a pesar da forte redución da súa actividade, en 2019 volveu ser, como nos 40 anos anteriores, a industria galega que máis contribuíu á crise climática (2).

A co-incineración de residuos, o derradeiro intento de dar máis vida á central

Os resultados das probas de co-combustión de mesturas de carbón e residuos orgánicos (“biocombustibles”) divulgados por Endesa certifican a inviabilidade de converter a central de carbón das Pontes tamén nunha incineradora de residuos orgánicos (lodos de depuradoras de augas residuais e xurros de granxas).

Esta suposta alternativa, defendida por todas as institucións galegas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e os principais sindicatos, non foi proposta para ningunha outra central de carbón de España e, que saibamos, do mundo.

Non foi máis que un derradeiro e desesperado intento de alongar a vida dunha enorme fábrica de cambio climático, que non serviu para outra cousa que para atrasar aínda máis a inevitable adaptación socioeconómica a un futuro sen carbón.

O fin do carbón non conclúe a descarbonización da produción eléctrica galega

O remate da produción da central de carbón das Pontes este mesmo ano, unido ao da central de Meirama en xuño de 2020, suporá un enorme avance na descarbonización do sector eléctrico galego, mais non a súa conclusión.

Para contribuírmos a limitar o quecemento global a 1,5ºC, Galicia debería reducir as súas emisións de GEI en, polo menos, un 65% xa en 2030, con respecto a 1990. Para iso, é imprescindible, aínda que non suficiente, que se deixen de utilizar canto antes gas e derivados do petróleo na xeración eléctrica, en centrais de ciclo combinado e/ou en centrais de coxeración como as vencelladas a algunhas industrias.

 

Notas:

  1. No informe “O prezo do carbón” expóñense os principais custos socioambientais asociados á queima de carbón, e á central das Pontes en particular. Dispoñible en: https://unfuturosencarbon.org/o-prezo-do-carbon/.
  2. A central de carbón das Pontes emitiu 2,3 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) en 2019 (último ano con datos), fronte a 7,9 millóns en 2018. Aínda así foi a industria galega con maiores emisións, por diante de Alcoa San Cibrao e da refinaría de Repsol. Máis información en:  https://unfuturosencarbon.org/as-emisions-de-co2-das-centrais-de-carbon-galegas-diminuiron-o-752-en-2019/