O 2 de febreiro de cada ano é o Día Mundial dos Humedais e nel conmemorase a data na que se adoptou a Convención sobre os Humedais de Ramsar 1971.

O Convenio Mundial RAMSAR de Conservación dos Humedais, (do cal España é parte), baixo o lema “Humedais e Auga” está dedicado este ano a reflexionar e destacar o papel esencial que xogan estes ecosistemas para nosa propia supervivencia fronte á crecente crise da auga.


En Galicia temos 5 Zonas Ramsar: Complexo intermareal Umia – O Grove; A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Rías de Ortigueira e Ladrido; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; e Lagoa e areal de Valdoviño.

Estas zonas non están suficientemente protexidas e temos que sinalar a necesidade urxente de deseñar, aprobar e poñer en funcionamento plans de ordenación e xestión polo menos nos humedais galegos protexidos. Unicamente se dispón do plan de conservación do humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño aprobado no ano 2015, e o resto dos espazos galegos protexidos na lista Ramsar carecen destas ferramentas, o que fai inviable a súa conservación a medio prazo.

Os humedais proporcionan á humanidade numerosos servizos imprescindibles para a vida humana e para o equilibrio do Planeta: non só regulan o clima, os ciclos da auga ou, como no caso de Galicia, son unha importante fonte de traballo e de economía sostible, grazas á súa enorme produtividade marisqueira e pesqueira.

Ademais no Día Mundial dos Humedais, Amigos da Terra quere recordar a necesidade de promover en Galicia un modelo de desenvolvemento baseado no uso sostible dos nosos valiosos humedais, en vez da súa destrución destes espazos que dende os anos 50 do século pasado perdéronse ó 60% da súa superficie e en Galicia temos o exemplo da desecación nos anos 50 da lagoa de Antela que foi un dos mais importantes humedais da península Ibérica.