Trala finalización do primeiro debate nas Cortes da Lei de Cambio climático e transición enerxética, a organización recorda o Goberno a súa obriga de fomentar a participación cidadá na transición enerxética a través da enerxía comunitaria.

Amigos da Terra pide a introdución de obxectivos vinculantes para o impulso das comunidades enerxéticas dotados de orzamento e plans de desenvolvemento e revisión para o seu desenvolvemento.

A organización tamén alerta sobre o perigo das “falsas solucións” impulsadas pola industria contaminante para manter o seu poder e evitar a democratización da enerxía.

Finalizado o primeiro debate do primeiro bloque de enmendas á futura Lei de Cambio climático e transición enerxética que está sendo debatida no Congreso, Amigos da Terra recorda ao Goberno a súa obrigación de garantir o dereito da cidadanía a producir, consumir, almacenar e vender a súa propia enerxía renovable.

Este dereito vén recollido na Directiva europea no marco do “Paquete de inverno” para o fomento das enerxías renovables e obriga ao Goberno a fomentar a participación da cidadanía de distintos sectores en proxectos de enerxía renovable. Para iso, a organización apunta que é necesario que a Lei de Cambio climático e Transición Enerxética conteña obxectivos vinculantes de impulso das comunidades enerxéticas.

“O Artigo 3 do primeiro bloque de enmendas é clave para impulsar un modelo enerxético descentralizado e que rompa, dunha vez por todas, o oligopolio enerxético que nos mantén nun sistema contaminante, de prezos abusivos e antidemocrático” declarou Cristina Alonso, responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra. “É vital que se introduzan obxectivos vinculantes que contemplen o impulso e desenvolvemento da enerxía comunitaria se non queremos que a transición enerxética sirva para manter o poder en mans dos mesmos. Para o ano 2030 o noso sistema eléctrico debe ser 100% de xeración de enerxía renovable, así como alcanzar no 2040 unha penetración de enerxías de orixe renovable no consumo de enerxía final do 100%, pero non de calquera xeito.”

A organización, que publica hoxe un documento clave para a correcta transposición das Directivas europeas ao marco lexislativo español, apunta que, de igual forma, é necesario que estes obxectivos estean dotados de orzamentos e plans de desenvolvemento e revisión para levalos a cabo.

“A subida dos prezos da electricidade en plena borrasca Filomena e con millóns de persoas en España vivindo en situación de pobreza enerxética evidencia a necesidade de impulsar un sistema enerxético descentralizado, democrático e en mans da cidadanía” dixo Alonso apuntando que “esta Lei, que debería haberse chamado Lei de Crise climática, é clave para desenvolver a enerxía comunitaria pero as intencións non bastan e hai que dotar os obxectivos do financiamento que necesitan e dos plans que farán posible o seu desenvolvemento”.

Coa publicación desta Guía para a Transposición das Directivas Europeas, Amigos da Terra quere ademais, alertar sobre o fomento de “falsas solucións” que algúns partidos políticos están querendo introducir no texto da Lei. “A introdución de conceptos como “neutralidade tecnolóxica” ou “emisións netas” é unha falacia máis das grandes corporacións, en especial da industria do gas. Estes conceptos só serven para abrir aínda máis as portas ás falsas solucións de tecnoloxías insostibles como a captura e almacenamento de carbono ou ao gas fósil monopolizado e controlado polos de sempre” dixo Cristina Alonso. “Os partidos deben ser responsables coa urxencia climática na que estamos e non ceder ás presións da industria contaminante. É urxente que España teña unha Lei de Crise climática, pero debe ser unha lei que responda á situación de vulnerabilidade na que se atopa España e que asuma a súa responsabilidade en relación con outros países máis vulnerables”.

A falta de obxectivos para o desenvolvemento da enerxía comunitaria e as falsas solucións impulsada polas grandes corporacións non foi o único criticado polas organizacións ecoloxistas. Os obxectivos de redución de emisións e neutralidade climática consideráronse insuficientes e organizacións como Amigos da Terra quixeron chamar a unha maior ambición e alineamento coa ciencia.

“Os obxectivos de redución de emisións e neutralidade climática ata agora acordados son insuficientes, obsoletos e ademais insolidarios desde unha perspectiva de xustiza climática. É necesaria unha maior ambición tal e como advirte a ciencia e responder á responsabilidade histórica do Estado español na crise climática actual, onde os países do sur global, comunidades vulnerabilizadas, mulleres e persoas racializadas están sufrindo os peores impactos ante a inacción de quen provocaron esta crise” recordou a responsable de Xustiza Climática Cristina Alonso.

A organización recoñece que a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética chega tarde pero declara que aínda estamos a tempo de redactar unha Lei que estea á altura da urxencia climática e as necesidades de realizar unha transición ecolóxica xusta e democrática.

 

Descarga aquí a guía.