O informe “Plastívoros” que publicamos con Xustiza Alimentaria pon de relevo a alarmante contaminación por microplásticos na terra do Estado español e os seus graves impactos na nosa alimentación, saúde e ecosistemas.

  • A durabilidade e a alta toxicidade dos plásticos e os seus aditivos son sinalados como alicerces dunha das principais ameazas para o medio ambiente e para a saúde das persoas en todo o mundo.
  • É urxente actuar e pedimos ao Goberno maior ambición na Lei de Residuos que está sendo actualmente negociada e recordan que a nova normativa debe basearse na prevención.

A presenza de microplásticos nos océanos conta con importantes estudos científicos. Con todo, tal e como denuncia o informe Plastívoros, os datos actuais mostran que os microplásticos presentes na terra son moito máis numerosos que os acuáticos e que, de feito, a inmensa maioría do plástico que atopamos nos sistemas acuáticos ten a súa orixe nunha contaminación terrestre anterior. O informe sinala que a contaminación microplástica na terra podería ser ata 23 veces maior que no océano e apunta que, de feito, aproximadamente o 80 % da contaminación por microplásticos no océano provén da terra.

No Estado español prodúcense cada ano case 4 millóns de toneladas de plástico. A clave do seu éxito está nos aditivos químicos que se engaden no proceso de produción e que confiren características diferenciadas que fan posible a infinidade de usos que coñecemos. Con todo, entre estes máis de 4 000 aditivos que se engaden ao plástico atópanse sustancias tóxicas, persistentes e bioacumulativas, con efectos perxudiciais para a saúde e para o medioambiente.

A contaminación e a introdución masiva de microplásticos na nosa terra, cos seu aditivos tóxicos de alta durabilidade (a durabilidade do plástico pode ser superior a unha, dúas e ata máis xeracións humanas), altera os nosos chans provocando un grave impacto na nosa alimentación, saúde e ecosistemas.

Que é a plasticultura?

O sector que máis consumo de plásticos presenta actualmente é o agroalimentario, un 25% do total. É dicir, un de cada catro kg de plásticos usados no Estado español está relacionado cos alimentos, e un 6% corresponde á produción agrícola. Esta porcentaxe supón toneladas de plásticos cuxo uso e, especialmente, desuso están tendo efectos moi negativos para a sociedade e o medio ambiente.

No Estado español estamos falando de máis de 220 000 toneladas anuais de plasticultura. Si transformamos esa cifra en algo máis visual, por exemplo, en bolsas de plástico, obtemos que o sector agrogandeiro utilizaría 40 000 millóns de bolsas de plástico que, estendidas no chan, corresponden á superficie da Comunidade Autónoma de Madrid.

A produción de froitas e verduras no actual sistema alimentario (baseado nunha agricultura industrial e globalizada) parece inimaxinable sen plástico. Pensemos que todos os sistemas de rego, invernadoiros e túneles están feitos deste elemento; as redes de plástico manteñen ás aves fóra das árbores; campos enteiros están cubertos con láminas para quentar o chan e estender a tempada de colleita.

No entanto, todo parece indicar que a maior porta de entrada de microplásticos aos chans agrarios — máis aló dos residuos xerados pola mesma actividade agrícola— atópase no uso dos lodos de depuradora como fertilizante. A práctica totalidade dos microplásticos arrastrados pola actividade doméstica, industrial ou agraria acaban nos lodos de depuradora e, de aí, a inmensa maioría son vertidos aos campos agrarios. A nivel estatal, isto corresponde a máis de 17 000 toneladas anuais de microplásticos vertidos nos nosos chans agrarios. O que equivale a máis de 3 000 millóns de bolsas de plástico de supermercado.

Inxerimos 5 gramos de plástico á semana

“Non é conveniente supoñer que todas esas toneladas de plástico que se acaban inxectado nos nosos chans son inocuas; ao contrario, afectan significativamente aos ecosistemas e a saúde da poboación. O noso sistema alimentario estase vendo interferido por miles de toneladas de plásticos que directa ou indirectamente chegan ao noso corpo e afectan a nosa saúde” afirma Jordi Menéndez, responsable de accións de Xustiza Alimentaria.

Os micro e nanoplásticos entran en contacto co ser humano a través da pel, do aire que respiramos ou de todo aquilo que inxerimos. Os nanoplásticos son capaces de introducirse nas células e provocar cambios ao bloquear ou alterar procesos celulares. De feito, estamos consumindo ao redor de 2 000 pequenas pezas de plástico cada semana, aproximadamente 21 gramos ao mes, pouco máis de 250 gramos ao ano. Isto é o equivalente ao peso dunha tarxeta de crédito á semana (5 g).

O problema da sobreprodución de plástico é agora recoñecido en todas as esferas da vida social e política. Con todo, o informe denuncia como as empresas produtoras de plásticos e as súas asociacións empresariais intensifican os seus esforzos para atrasar, debilitar ou tombar calquera intento de avance lexislativo encamiñado a reducir a produción de plásticos e a establecer obrigacións para as empresas en materia de redución ou xestión de residuos. De feito, sinalar á cidadanía como responsable da xestión dos residuos plásticos adoita ser unha das principais estratexias.

As organizacións apuntan ao concepto de “desbotabel” (producir – comprar – tirar) como pedra angular do noso modelo lineal de consumo baseado na sobreexplotación de recursos naturais e a externalización dos seus impactos, que recaen nos ecosistemas, na saúde das persoas e nas rexións e poboacións máis desfavorecidas.
E apuntan que calquera proposta política ou corporativa que non teña en conta este contexto será un parche, inútil para afrontar a urxencia ambiental e social á que nos enfrontamos.

“Non serven as falsas solucións, hai que desplastificar nosas sociedades e a nosa comida. E para iso fan falta políticas públicas a todos os niveis que impulsen este camiño con decisión. Temos que reducir drasticamente a fabricación e o uso dos plásticos en todos os sectores produtivos e, en concreto, no sistema alimentario” di Adriana Espinosa, responsable de Residuos e recursos naturais de Amigos da Terra.

Cunha acción reivindicativa na Praza de Juan Goytisolo de Madrid, as organizacións queren facer un chamado a incorporar as seguintes propostas políticas. 

Propostas políticas

Sobre a Lei de Residuos que o goberno está negociando, incluír estes catro puntos crave:

  • Medidas para reducir de forma drástica a cantidade e toxicidade dos plásticos que se poñen no mercado, incluíndo a prohibición do uso de substancias potencialmente nocivas na fabricación de plásticos (aplicando, cando cumpra, o principio de precaución), así como de materiais e produtos non reutilizables ou reciclables ao 100%.
  • Establecer obxectivos vinculantes de redución de plásticos en todos os sectores, en concreto na agricultura, con medidas de apoio para que o sector agrario realice esta transición..
  • Establecer obxectivos de reutilización ambiciosos, por exemplo un 70% en envases de bebidas para 2030, e apostar por sistemas eficientes para lograr estes obxectivos tales como o sistema de Depósito, Devolución e Retorno de Envases.
  • Asegurar que as empresas que producen e distribúen plástico asuman a súa responsabilidade na prevención e xestión dos residuos que xeran, e non permitir falsas solucións que perpetúan o hiper-envasado e o modelo de “usar e tirar”, tales como os mal chamados “bioplásticos”.

Ademais, as organizacións insisten na necesidade de implementar outras medidas clave sobre os principais perigos dos que o informe alerta:

Sobre lodos de depuradora

  • Actualizar a normativa vixente sobre usos de lodos de depuradora para evitar a contaminación dos ecosistemas por microplásticos vehiculados a través destes.

Sobre aditivos potencialmente tóxicos usados na fabricación de plásticos

  • Aumentar a trazabilidade e transparencia no ciclo de vida dos plásticos, en especial a parte referida ao uso de sustancias potencialmente tóxicas como aditivos plásticos.
    Desenvolver un etiquetado para plásticos que permita, a nivel de consumo, coñecer os aditivos utilizados na súa fabricación, especialmente no caso de envases alimentarios.

Sobre microplásticos terrestres

  • Poñer en marcha os estudos e análises necesarias para determinar o grado actual de contaminación microplástica dos ecosistemas terrestres, así como os seus posibles efectos negativos.
  • Desenvolver un Plan Estratéxico, coherente, eficaz e ambicioso, para a redución da contaminación microplástica dos ecosistemas terrestres.

 

descarga aquí o informe Plastívoros