O 2 de marzo de 2021 cúmprese o quinto aniversario do asasinato de Berta Cáceres, lideresa indíxena lenca, activista ambiental e defensora de dereitos humanos. Berta Cáceres, cofundadora do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (COPINH) foi asasinada por liderar unha campaña para impedir a construción dunha presa hidroeléctrica con financiamento internacional nun río sagrado para o seu pobo lenca. Sete persoas foron declaradas culpables e condenadas o 2 de decembro de 2019 polo seu asasinato.

Con todo, e malia a contundencia das probas, a xustiza hondureña aínda non procesou á familia Atala Zablah, autores intelectuais do crime e donos da empresa DESA. Só unha persoa, David Castelo Mejía, xerente da empresa Desenvolvementos Enerxéticos (DESA), está acusada, ata agora, de ser «autor intelectual» do seu asasinato, malia que un informe do Grupo Asesor Internacional de Expertos (GAIPE) sinala a outras persoas.

 

Con motivo do quinto aniversario do seu asasinato, organizacións ambientais e sociais, entre as que se atopa Amigos da Terra, enviamos unha carta a Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación para instarlle a que continúe dando seguimento á loita pola verdade e a xustiza no caso da recoñecida defensora dos dereitos humanos dos pobos indíxenas, Berta Cáceres. Na carta pedímoslle, como Ministra de Asuntos Exteriores e Cooperación, que continúe destacando a súa preocupación ante as autoridades hondureñas para que estas garantan os estándares do debido proceso legal en vista da apertura do xuízo público contra David Castelo pola súa presunta participación no asasinato de Berta Cáceres.

Ademais, enviamos outra carta a Norman García Paz, embaixador de Honduras en España, instando ao seu país a que se respecten plenamente as garantías do debido proceso legal e a que se leve a cabo unha investigación imparcial e  independente.

 

Honduras é o país máis perigoso do mundo para as persoas defensoras da terra e o medio
ambiente. Segundo o último último informe de Global Witness, Honduras ten a maior taxa
per cápita de asasinatos destes defensores e defensoras no mundo. A falta de identificación
e acusación de todas as persoas responsables do asasinato de Berta Cáceres
pon en perigo a outros defensores e defensoras e deixa impunes a quen son responsables
do crime.

Desde Amigos da Terra, mostramos a nosa solidariedade e dedicamos a nosa loita para que defender a terra e os nosos dereitos non sexa un delito, aquí, nin en ningures do mundo.