O informe de síntese sobre as contribucións determinadas a nivel nacional (NDCs) publicado por Nacións Unidas confirma que a ambición nos compromisos de redución de emisións dos países, en especial dos países ricos, é insuficiente para evitar as peores consecuencias da urxencia climática.

Europa debe liderar o aumento de ambición necesario comprometéndose a unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 65% para 2030. España, pola súa responsabilidade histórica nas emisións, debe suscitar na nova Lei de cambio climático e transición enerxética un compromiso mínimo do 55% para 2030.

A crise sanitaria do COVID19 non pode ser unha escusa para atrasar os compromisos climáticos. O Cume de Nacións Unidas sobre Cambio climático e a Intersección de Bonn deben seguir sendo os mecanismos que impulsen a ambición necesaria e para iso, deben asegurar a igualdade de acceso para as persoas delegadas do Sur Global e para as persoas observadoras da sociedade civil global.

As contribucións determinadas a nivel nacional, NDCs polas súas siglas en inglés, son o mecanismo principal creado no marco do Acordo de París para impulsar a redución de emisións globais necesaria para evitar as peores consecuencias da urxencia climática. O informe de síntese das NDCs entregadas por tan só 75 países de todo o mundo, publicado recentemente por Nacións Unidas, confirma que os compromisos de redución internacionais son insuficientes para lograr o obxectivo de limitar o aumento da temperatura mundial a 1.5°C.

Os países do Norte Global, e en concreto Europa, teñen unha responsabilidade histórica nas emisións de gases de efecto invernadoiro polo que, segundo o principio de “responsabilidade compartida pero diferenciada” no que se asenta o Acordo de París, a súa ambición debe ser maior.

“Os países do Norte global teñen unha responsabilidade histórica na urxencia climática na que nos atopamos” recordou Cristina Alonso, responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra. “As consecuencias da nosa economía sucia xa nos están afectando e as comunidades con menos responsabilidade e menos recursos para afrontalas, son os que máis están sufrindo. Europa debe aumentar urxentemente a súa ambición establecendo novas e máis fortes NDCs que alcancen como mínimo o compromiso de redución de emisións do 65% para 2030, así como aumentando substancialmente as súas contribucións de financiamento climática”.

A comunidade científica estableceu a necesidade de conseguir unha redución anual do 7,6% das emisións nos próximos 10 anos. O que para España significaría unha redución do 55% das emisións para 2030.

“España é un dos países de Europa máis vulnerables fronte á urxencia climática e o Goberno non pode permitirse facer oídos xordos á ciencia” engadiu Alonso “Tanto na futura Lei de cambio climático e transición enerxética, como a través dunha actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), España debe contemplar unha redución de emisións do 55% para 2030 e alcanzar a neutralidade climática en 2040. Non hai outra opción”.

O Cume para o clima de Nacións Unidas (COP26) que debía celebrarse en Glasgow en novembro de 2020, tivo que ser aprazada a consecuencia da crise sanitaria internacional da COVID19. Actualmente, non hai claridade aínda sobre as datas nin o formato no que se celebrará este ano a COP26, considerada como un momento clave para analizar e aumentar a ambición dos compromisos nacionais (NDCs).

Sobre a mesa está a posibilidade tanto de pospoñela como de trasladala total ou parcialmente a un espazo dixital. O actual contexto de falta de ambición por parte dos países e as dificultades para desenvolver con normalidade os espazos de debate e decisión sobre o cambio climático, puxeron á sociedade civil en alerta.

“Unha negociación virtual excluiría aínda máis á sociedade civil mundial, diminuíndo significativamente a transparencia e a responsabilidade. É inaceptable. As experiencias dos espazos de dixitais desenvolvidos pola ONU durante o último ano mostraron importantes problemas de acceso para as delegacións do sur global” dixo Cristina Alonso de Amigos da Terra. “O Cume de Nacións Unidas sobre Cambio climático e a Intersección de Bonn deben seguir sendo os mecanismos que impulsen a ambición necesaria e para iso, deben asegurar a igualdade de acceso para as persoas delegadas do Sur Global e para as persoas observadoras da sociedade civil global. Si é seguro celebrar negociacións en persoa, estas deben incluír plenamente á sociedade civil mundial. Se non se pode asegurar a participación do Sur Global e da sociedade civil, o Cume debe atrasarse. Sexa como sexa, con Cume presencial ou sen Cume, en ningún caso, a COVID19 pode ser unha escusa para atrasar os compromisos climáticos que poden e deben avanzar”.