Fai case un ano, desde Amigas da Terra mobilizámonos nos nosos territorios urbanos e rurais o 8 de marzo, xunto con movementos feministas e de mulleres, para o que resultou ser, para moitas de nós, a última acción política presencial de 2020. Este ano, de novo, levantámonos, cada persoa desde a súa propia realidade e necesidade pero sen deixar de reivindicar os nosos dereitos e impulsar a transformación social que necesitamos. 

O 8 de marzo é unha data clrave de organización e acción política para o movemento feminista, para as mulleres que loitan e resisten en todo o mundo e para Amigos da Terra. Mobilizámonos en solidariedade co movemento feminista e de mulleres, e ratificámonos no noso compromiso colectivo pola xustiza de xénero e o desmantelamento do patriarcado cara a un cambio de sistema.

 

Coñece todas as convocatorias organizadas que hai en Galicia.

 

En 2021, as mulleres – traballadoras, indíxenas, de cor, campesiñas, LBTQ, con necesidades especiais, inmigrantes – seguen baixo o impacto brutal da pandemia da covid19 e as numerosas crises interrelacionadas das que a pandemia é síntoma. A incapacidade absoluta do sistema de coidar a vida humana e a natureza segue resultando patente.

Sufrimos as opresións sistémicas dun modelo que despreza a protección da vida e que ignora os principios fundamentais da ecodependencia e a interdependencia. O sistema capitalista e o seu modelo de extractivismo baséase na explotación e apropiación dos territorios, os corpos e o traballo das mulleres. Ao mesmo tempo, a natureza é destruída e privatizada, e as mulleres somos sometidas á precariedade.

Necesitamos impulsar a transformación da nosa inxusta sociedade, o que implica a ruptura total co capitalismo, o racismo e o sistema colonial, patriarcal e heteronormativo que prevalece actualmente en todos os aspectos da nosa vida.

Expresar a nosa disconformidade con este sistema patriarcal que prioriza a economía sometendo a vida en xeral e, sobre todo a das mulleres e a natureza segue sendo imperante. O contexto de limitación, non ten por que ser un impedimento para alzar a nosa voz sempre, e máis aínda neste día clave. Podemos facelo con creatividade, seguridade e unión. Para iso, Amigos da Terra publicamos hoxe un manual de formación popular feminista titulado “Sementar Xustiza de Xénero para Desmantelar o Patriarcado”, con ideas para seguir transformando o sistema con accións políticas e actividades de xustiza de xénero nos territorios nos que actuamos.

Desmantelar o patriarcado para cambiar o sistema!