• Organizacións sociais e ambientais, entre elas Amigos da Terra, demandamos ao Goberno español que non financie, a través dos fondos europeos de recuperación, proxectos impulsados polas grandes empresas da industria cárnica. Ditas axudas unicamente servirían para aumentar os graves impactos sociais, medioambientais e climáticos asociados ao modelo de gandería industrial.
  • Os fondos europeos, que tamén incorporan condicións, reformas e xerarán endebedamento público, non poden servir para subvencionar falsas solucións como o biogás a gran escala, xa que non resolve os problemas ambientais asociados á gandería industrial e pode xerar graves impactos no territorio.

Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Food & Water Action Europe, Xustiza Alimentaria e o Observatorio da Débeda na Globalización solicitamos ao Goberno español que os 10.000 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación xestionados polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e amparados nas políticas verde e dixital da UE, vaian destinados a impulsar unha transición xusta e sostible do modelo agrogandeiro.

Así mesmo, denunciamos que os distintos proxectos liderados pola industria cárnica pretenden impulsar a creación de plantas de tratamento de xurros dos animais que viven amontoados nas macrofábricas de carne industrial, co fin de producir biogás. Ademais teñen entre os seus obxectivos a mecanización da cría de animais e do posterior procesado da carne.

 

España lidera o crecemento da gandería industrial na UE

España é o cuarto produtor mundial de carne de porco, logo de China, EE UU e Alemaña. O forte crecemento da cabana gandeira porcina, cun aumento de case 20.000 porcos por semana nos últimos anos, está imposibilitando que España cumpra os límites de emisións de amoníaco marcados pola lexislación europea. A gandería é responsable do 67 % das emisións de gases de efecto invernadoiro do sector agrícola, que é xa o cuarto principal emisor de España. O porcino é xa responsable do 22 % das emisións da gandería en España. Ademais, a produción industrial de carne ten asociados enormes impactos climáticos, medioambientais e sociais en países do Sur Global derivados da importación de soia transxénica para consumo animal.

 

A gandería industrial é unha grave ameaza para o desenvolvemento rural en España

Os proxectos presentados pola industria cárnica aos fondos europeos de recuperación supoñen o desenvolvemento de grandes explotacións industriais, nun modelo de integración vertical, que está substituíndo ás pequenas e medianas explotacións gandeiras independentes que fixan poboación no medio rural.

Este modelo de gandería industrial ten ademais graves impactos na calidade do auga, con decenas de pobos sen auga potable e contaminación de acuíferos por nitratos nas zonas con maior densidade de industria porcina. Os plans hidrolóxicos vixentes puxeron en evidencia a mala calidade das masas de auga, en gran medida, debido á gandería industrial. Ademais, a Comisión Europea xa advertiu a España, a través dun ditame motivado, da necesidade de afrontar este problema.

Fronte a este modelo depredador do territorio, xerouse unha mobilización sen precedentes coa creación de decenas de plataformas veciñais en defensa dun mundo rural vivo, articuladas en torno á Coordinadora Estatal Stop Gandería Industrial, da que Amigos da Terra formamos parte. Ditas organizacións solicitan ao Goberno de España unha moratoria á gandería industrial.

O Pacto Verde Europeo e o perigo das falsas solucións a unha transición xusta e sostible

Os fondos europeos de recuperación son un instrumento temporal que pretende impulsar medidas para “unha recuperación sostible e resiliente, a creación de traballo e a reparación do dano causado pola COVID-19, á vez que dará apoio ás prioridades verdes e dixitais”. Estas axudas forman parte do Pacto Verde Europeo da Unión Europea (UE), así como outras políticas específicas en materia alimentaria, como as novas estratexias “Da Granxa á Mesa” e de Biodiversidade, que guiarán a nova Política Agraria Común (PAC).

A creación de novas plantas de produción de biogás ligadas a explotacións gandeiras industriais supón unha estratexia de lavado verde das grandes empresas cárnicas e un apoio con diñeiro público á gandería industrial que debería destinarse a outros fins. A produción de biogás non elimina o principal problema dos xurros, a contaminación por nitratos, e a súa posible inxección á rede de gas en forma de biometano só serve como escusa para perpetuar investimentos en infraestruturas de gas fósil que dificultan a transición enerxética. Resolver o problema dos xurros implica unha moratoria sobre novas explotacións gandeiras industriais, a redución da cabana gandeira industrial e unha transición decidida cara a modelos de gandería máis extensivos e sostibles.

As organizacións sociais e ecoloxistas afirman que financiar á gandería industrial en España unicamente servirá para acrecentar os graves problemas de saúde global, urxencia climática, perda de biodiversidade e despoboamento rural. Os fondos europeos de recuperación deben ir destinados a impulsar políticas que fomenten a produción local de alimentos, o impulso á pequena produción agroecolóxica e a necesaria transición xusta e sostible do sector agrario e gandeiro.

Para Andrés Muñoz, o noso responsable de Soberanía Alimentaria «A urxencia climática, de saúde e de biodiversidade que vivimos, xunto ao histórico abandono da nosas zonas rurais, esíxennos solucións reais e urxentes. A gandería industrial e a produción de biogas non deben ter cabida no financiamento público. Esiximos ao goberno unha verdadeira transición xusta e sostible do modelo alimentario que apoie á España baleirada».