A UE aposta pola voluntariedade e así profunda na impunidade corporativa cando as empresas violan dereitos humanos en terceiros países

Grazas á campaña #ResposabilizaLasEmpresas máis de 140.000 persoas responderon á Consulta Previa lanzada pola Comisión Europea para pedir unha Lei de debida dilixencia en materia de dereitos humanos e medio ambiente. É dicir, unha lei que obrigue ás empresas a identificar, previr, mitigar e render contas polos impactos negativos, reais ou potenciais, das súas actividades no mundo enteiro, así como das súas filiais, subcontratistas, provedores e outros posibles actores da súa cadea de subministracións.

Recentemente o Parlamento Europeo aprobou unha resolución respecto diso que insta á Comisión Europea a impulsar esta normativa. Un gran avance para as persoas e organizacións que levamos anos loitando contra a impunidade das violacións cometidas por parte das corporacións multinacionais. Con todo, o aprobado polo Parlamento Europeo non contén elementos clave que desde Amigos da Terra consideramos esenciais. O máis importante deles é a «obrigatoriedade», é dicir, a responsabilidade directa das empresas nas violacións, a garantía de reparación e non repetición e o seguimento de toda a cadea de produción incluídas subsidiarias e filiais.

Tal e como está actualmente o texto aprobado polo Parlamento Europeo, e que moi previsiblemente será tamén aprobado pola Comisión, as empresas teñen o deber de respectar os DDHH e nos Estados nacionais a capacidade de protexelos. Pero non se establecen mecanismos nin sancións para asegurar que as empresas cumpran ese deber, si non que se espera que voluntariamente o fagan. A experiencia de anos de loita contra os abusos de poder das empresas multinacionais dinos que chamar á voluntariedade das multinacionais é un sinónimo de impunidade.

Ademais, a proposta actual non permite responsabilizar ás empresas matrices, que adoitan ser as máis poderosas e afincadas en países europeos, das violacións cometidas por outras empresas actoras da súa cadea de subministracións. O que permite que empresas en países cunha lexislación de protección de dereitos humanos e medio ambientais máis elevada sigan escondéndose nas súas cadeas de provedores para saltarse con total impunidade normativas e en caso de ser xulgadas, facelo en países onde a infraestrutura normativa ou xudicial é máis débil.

Nun contexto de ofensiva capitalista global no marco do avance da crise socioecolóxica e o aumento das desigualdades, esta normativa aparece como a cara amable do rescate das grandes corporacións por parte dos Estados europeos e, desde Amigos da Terra, rexeitamos a proposta e insistimos en que a Unión Europea debe crear unha Lei de debida dilixencia que cubra os impactos en materia de dereitos humanos, social e ambiental ao longo de toda a cadea de subministración; que prevexa sancións severas para as empresas que incumpran as regras; responsabilice ás empresas polas súas prácticas irregulares dentro e fóra do seu país; e que facilite a todas as vítimas de abusos empresariais, sindicatos e sociedade civil, o acceso á xustiza ante os tribunais da UE.