• A organización súmase á carta aberta da Vía Campesiña para reclamar ás institucións unha Europa con máis campesiños e campesiñas que practiquen a agroecoloxía e solicitar o desenvolvemento de políticas públicas que melloren os sistemas alimentarios.
  • Amigos da Terra recorda o papel crucial da agricultura campesiña e da soberanía alimentaria para abordar algúns dos problemas mundiais máis urxentes e recorda os efectos que a pandemia COVID-19 está tendo sobre o campesiñado e, por extensión sobre a saúde, a alimentación e a vulnerabilidade de millóns de persoas en todo o mundo.
  • Ambas entidades denuncian como as políticas e acordos nacionais e internacionais seguen en dirección contraria ao que este sector necesita como demostra a negociación da PAC na UE e o avance das negociacións do Tratado UE-Mercosur.

O 17 de abril celébrase o Día Internacional da Loita Campesiña nunha Europa onde a agricultura campesiña representa a maior parte das explotacións agrarias e nun momento histórico no que, tras máis dun ano do comezo da pandemia pola COVID-19, as persoas campesiñas seguen sendo un dos sectores que máis desproporcionadamente sofren os seus impactos.

A agricultura a pequena e mediana escala segue sendo unha das prácticas máis desenvolvidas en Europa. Segundo os informes publicados en 2015 e 2016, o 97% das granxas europeas eran dunha extensión menor a 100 ha e o 69%, de menos de 5 ha. Con todo, as políticas europeas non establecen medidas coherentes nin aliñadas coas necesidades da agricultura campesiña, dos seus traballadores e do desenvolvemento un sistema alimentario sostible que garanta alimentos saudables para toda a poboación, estimule as zonas rurais e preserve a diversidade territorial, biolóxica e cultural.

Nunha carta asinada por organizacións de persoas agricultoras, académicas e organizacións ecoloxistas, entre as que se atopa Amigos da Terra, a Vía Campesiña, movemento internacional que reúne a millóns de persoas campesiñas, agricultoras pequenas e medianas, sen terra, mocidade e mulleres rurais, indíxenas, migrantes e persoas traballadoras agrícolas de todo o mundo, solicitou ás institucións “Unha Europa con máis persoas campesiñas” e pediu á Unión Europea unha revisión da súa política comercial para “asegurar que desenvolve políticas públicas que melloren os sistemas alimentarios en materia de calidade, seguridade alimentaria, sostibilidade ambiental, inclusión social e desenvolvemento rural”.

Amigos da Terra, pola súa banda, recorda o papel crucial da agricultura campesiña e da soberanía alimentaria para abordar algúns dos problemas mundiais máis urxentes e pon de manifesto como as medidas políticas adoptadas a nivel nacional e global fronte á COVID19 seguen tendo un grave impacto no sector agroalimentario, na vida dos campesiños e campesiñas e, por extensión en millóns de persoas en todo o mundo.

A agricultura campesiña é esencial para abordar as crises que enfrontamos e o devastador impacto que a COVID19 está tendo no sector supón un perigo para miles de millóns de persoas en todo o mundo” declarou Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra. “Un número cada vez maior de persoas están tendo que reducir a cantidade e a calidade dos alimentos que consumen. Calcúlase que dous mil millóns de habitantes do planeta, o 25,9% da poboación mundial, non ten na actualidade acceso regular a alimentos nutritivos e suficientes. Si cada vez hai máis persoas con menos acceso a unha alimentación sa e o campesiñado atópase nunha maior situación de precariedade e vulnerabilidade, o problema está claro: as políticas alimentarias non están defendendo os intereses das persoas”.

En decembro de 2019, foron asignados novos orzamentos para a Política Agrícola Común da UE durante o período 2021-2027, orzamentos que foron criticados por organizacións como Amigos da Terra por ir en dirección contraria á transición cara a un modelo agrícola máis xusto e aliñeado coas recomendacións da ciencia para evitar a urxencia climática e as crises como a actual pandemia COVID19.

A Vía Campesiña pide á UE que deixe de favorecer o modelo de produción agrícola industrial a gran escala que prexudica ás pequenas e medianas granxas e cumpra coas súas promesas no marco do Acordo de París sobre o Cambio Climático, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a UNDROP, aplicando a PAC, o Pacto Verde e, en particular, a Estratexia de Biodiversidade, a Estratexia «Da granxa á mesa» e a Lei Europea do Clima.

Amigos da Terra sinala tamén a negociación que a UE mantivo sobre o Acordo comercial cos países do MERCORSUR definido como un tratado deseñado para “vender a saúde, ás persoas e ao planeta”.

“A urxencia alimentaria propiciada e acelerada pola pandemia da COVID-19 parece marcarnos o camiño á necesidade dunha aposta decidida cara a sistemas alimentarios locais, que deben ser apoiados polos gobernos municipais, estatais e supranacionais, como a Unión Europea” sinalou Andrés Muñoz. “É o momento de prescindir de acordos comerciais como o da UE-MERCOSUR e apostar decididamente cara a unha transformación radical e urxente da forma en que se producen e distribúen os alimentos. Os apoios económicos, como os da PAC, deben ir nesa liña. Non hai máis tempo que perder, vivimos unha urxencia sanitaria, social, climática e medioambiental sen precedentes que require respostas comprometidas co planeta, coas persoas campesiñas e co conxunto da sociedade”.