No Día da Terra, Amigos da Terra pon o foco na necesidade de atallar a alarmante situación dos residuos en España. A organización reclama unha Lei de Residuos que promova a prevención, a reutilización e a reciclaxe de alta calidade e consiga que España deixe de queimar e enterrar case o 7 0% dos seus residuos domésticos. Os residuos son os grandes esquecidos do medio ambiente, malia contaminar solos e auga, contribuír ao cambio climático e supoñer o desperdicio de recursos naturais finitos.

Hoxe Día da Terra, Amigos da Terra reclama ao Goberno unha Lei de Residuos e solos contaminados transformadora que responda á alarmante situación dos residuos no Estado. Á súa vez recalca que o problema dos residuos é un síntoma máis da urxencia eco-social na que estamos inmersos, polo que reclama medidas efectivas que poñan fin á xestión nefasta que se fixo dos mesmos ao longo de todos estes anos.

España está á cola da xestión de residuos en Europa, tanto en reciclaxe, como na separación en orixe dos residuos, o tratamento da materia orgánica, ou na promoción da reutilización e a reparación. É agora, coa nova Lei de Residuos e co Real Decreto de Envases, que o Goberno ten a oportunidade de dar un xiro radical a unhas políticas caducas que obstaculizan a transición ecolóxica.

O tratamento de vertido e incineración dos residuos municipais, cuxa xestión no Estado español alcanzou en 2019 a emisión de case 15 millóns de toneladas de CO2 equivalente, segue representando o destino principal de millóns de toneladas de residuos que se xeran cada ano, cun forte impacto sobre os ecosistemas, a saúde das persoas e a situación de urxencia climática (1). Ademais, este escenario sitúa a España nun claro incumprimento dos obxectivos marcados pola Unión Europea. Así, Amigos da Terra e outras 15 organizacións da sociedade civil demandamos a España ante a Comisión Europea por non alcanzar o 50% de reutilización e reciclado en 2020, un dos obxectivos fixados pola UE (2).

A lei de Residuos debe priorizar a prevención con medidas concretas encamiñadas a evitar que os recursos se convertan en residuos. Combater a obsolescencia programada, reducir de forma radical a cantidade e a toxicidade dos plásticos ou facilitar a reparación e reutilización dos produtos son algunhas das medidas transformadoras que están ausentes nos borradores da futura lei.

O novo marco debe tamén despregar todo o potencial da materia orgánica na protección dos chans e na loita contra o cambio climático. Para iso, débense fomentar sistemas de recollida máis eficientes como o porta a porta, e modelos de tratamento descentralizados, como a compostaxe doméstica e comunitaria.

Amigos da Terra sinala á súa vez que o cambio indispensable do actual modelo baseado no “usar e tirar” cara a unha verdadeira “economía circular” require responsabilizar ás empresas, que son quen inundan o mercado con produtos de vida útil moi curta e produtos que non se poden reutilizar ou reciclar. Desta forma, a lei debe establecer requisitos de ecodeseño e obrigar a estas a facerse cargo dos residuos que xeraron cos seus produtos.

Por exemplo, simplemente limpar cidades e pobos de envases dun só uso abandonados custa ás persoas contribuíntes entre 496 e 744 millóns de euros ao ano (3). Ata 529 millóns de euros están asociados aos envases de bebidas, que poderían reducirse ata un 80% coa implantación dun sistema de depósito.

María Durán, responsable de Recursos naturais e residuos en Amigos da Terra denuncia que “a industria, quen se beneficia do actual modelo lineal, leva anos presionando para evitar calquera modificación nos sistemas de xestión de residuos, tal e como están facendo agora para lograr unha normativa ao seu favor”.

Neste contexto, coa reforma da Lei de Residuos, o Goberno ten ante si unha decisión clave: seguir apuntalando un sistema con beneficios para uns poucos e graves prexuízos ambientais e sociais ou impulsar a construción dun modelo coa xente e a Terra no centro das decisións. É hora de avanzar cara a unha transición ecolóxica xusta e real.