Amigos da Terra iniciou en abril, co financiamento do Fondo Galego de Cooperación, un novo proxecto de cooperación que se levará a cabo en Nicaragua ata final deste ano 2021. En asociación coa organización local Fundación LIDER e en colaboración coa Universidad Nacional Autónoma de Nicaragua en León (UNAN-León) buscamos contribuír á innovación, desenvolvemento e sustentabilidade social e ambiental do sector pesqueiro na Reserva Natural Padre Ramos e Aserradores, situada no Departamento de Chinandega (Nicaragua).

Para iso, traballaremos con 9 cooperativas de pescadores e pescadoras que se dedican ao cultivo de Pargo Lunarejo en gaiolas flotantes. Este modelo acuícola artesanal permite ás cooperativas a crianza de pargo en cautividade pero no seu medio natural xa que as gaiolas (elaboradas con trasmallo e cunha estrutura flotante de 5 x 5 metros) ubícanse nas zonas do estero onde esta especie chega normalmente a desovar. Con esta tecnoloxía conséguese reducir a sobre-explotación dos recursos mariño costeiros por parte dos pescadores/as, que habitúan a utilizar artes de pesca nocivos como son os explosivos e redes de arrastre.

O proxecto mellorará a xestión pública no sector acuícola-pesqueiro en Chinandega a través de sinerxías coa municipalidade (Alcaldía de El Viejo, Chinandega) e institucións de goberno con competencias en temas pesqueiros e ambientais (Instituto Nicaragüense de Pesca y Acuicultura – INPESCA e o Ministerio del Ambiente y los Recursos Naturales – MARENA), así como con centros de investigación, empresas e outros actores relevantes.

Isto realizarase mediante o fortalecemento produtivo ás cooperativas coa elaboración de dietas de alto contido proteico para cada unha das etapas de crecemento do pargo, realizadas en base a ingredientes locais. Isto permite unha alimentación eficiente dos peixes e por tanto unha maior produción, así como favorecer a sustentabilidade do proceso produtivo evitando a dependencia de pensos ou insumos externos e a contaminación do medio con excedentes de alimento non aproveitado.

 

Ademais, promoveremos a participación efectiva das cooperativas en espazos de coordinación establecidos no territorio (reunións sectoriais entre institucións públicas e comisión de vixilancia e monitoreo do Golfo de Fonseca). As cooperativas disporán de equipos para realizar a vixilancia da calidade das augas no Estero Padre Ramos e Aserradores medindo parámetros óptimos para o cultivo en gaiolas flotantes. Xerarán así evidencias para o seguimento ambiental e recomendacións de carácter produtivo que presentarán directamente ante as institucións para a súa consideración á hora de mellorar a políticas públicas relacionadas coa acuicultura na Reserva Natural.

No primeiro mes do proxecto, iniciáronse xa as actuacións para a elaboración de dietas para o pargo. O primeiro paso foi recolección de mostras de tres tipos de materias primas ou ingredientes que son usados actualmente na alimentación dos peixes: a) fariña de cabeza de camarón, b) fariña de cutícula de camarón, c) fariña e fauna acompañantes (peixes pequenos de valor non comercial que se xeneran nas pilas de produción de camarón cuxas larvas ingresan no bombeo da auga mariña). Estas mostras, serán enviadas a un laboratorio especializado, o que permitirá coñecer o contido nutricional de cada materia prima. Esta información, será clave para os especialistas de UNAN-León, quen estará a cargo de elaborar unha fórmula de alimento que supla dos nutrintes necesarios para o crecemento dos peixes de pargo cultivados en gaiolas flotantes.

Paralelamente desenvolvéronse reunións bilaterais con representantes da Oficina de Pesca da Alcaldía municipal de El Viejo, Chinandega, así como coas delegacións de INPESCA e MARENA , para abordar a necesidade de reactivar a comisión de seguimento dos corpos de auga mariño-costeiros, integrada por autoridades de goberno, Universidades, xuntas de administración das 9 cooperativas, e fundación LIDER.