• Xustiza Alimentaria e Amigos da Terra lanzamos a serie fotográfica “Plastívoros: comemos plástico”,  unha serie de fotografías para denunciar a cantidade desorbitada de plástico que se inxire a diario.
  • As grandes empresas produtoras e envasadoras son as principais responsables de que a cidadanía coma plástico.
  • Reclamamos á Administración unha Lei de residuos que prohiba os plásticos dun só uso e limite os envases plásticos.

Amigos da Terra e Xustiza Alimentaria lanzamos unha exposición fotográfica online, “Plastívoros: comemos plástico”, polo Día Mundial do Medio Ambiente, a través da cal denunciamos o uso desmedido de plástico en todas as facetas da vida, e máis en concreto na alimentación e nos campos de cultivo. Do mesmo xeito, reclamamos ao Goberno unha Lei de residuos que prohiba os plásticos dun só uso e limite os envases plásticos.

As obras artísticas, onde o plástico e as persoas son as protagonistas, buscan chamar a atención da cidadanía e as administracións sobre os graves impactos do plástico. Con máis de 4.000 aditivos químicos, entre os que se atopan sustancias tóxicas, persistentes e bioacumulativas, o plástico provoca efectos prexudiciais para a saúde e os ecosistemas.

Amigos da Terra e Xustiza Alimentaria denunciamos que, malia o que se adoita pensar, a contaminación por microplásticos en terra é ata 23 veces maior que nos mares, segundo a investigación presentada por ambas asociacións, “Plastívoros”. Á súa vez poñemos sobre a mesa a cantidade de plástico que inxire unha persoa á semana, 5 gramos, é dicir o equivalente a comer máis de media bolsa de plástico, ou o que é o mesmo 52 tarxetas de crédito ao ano.

Isto é precisamente o que denunciamos coa serie fotográfica do mesmo nome. A exposición online mostra o contraste entre a beleza da danza e o inerte do plástico, e simboliza a loita entre a natureza e a sobre-produción de plásticos con consecuencias nefastas para as persoas e o medio ambiente. A estética escolleita recorda aos carteis publicitarios con slogans directos que interpelan sen medias tintas aos lectores, “Comes plástico, te envelenas a diario”, “Si a terra come plástico, ti tamén”, “Es plastívora, sábelo?”

Por que esta campaña polo Día do Medio Ambiente? 

En España prodúcense 4.000 millóns de toneladas de plástico ao ano. Gran parte deste plástico, un 25%, é utilizado e desbotado pola industria agroalimentaria nos produtos que se comercializan para alimentación, así como empregado para a produción agrícola. Si se transforman estes 1.000 millóns de toneladas de plástico en algo máis tanxible, por exemplo, en bolsas de plástico, ao estendelas cubriríase máis de tres veces a totalidade da superficie do continente europeo.

Os chans agrícolas son os sumidoiro de gran parte do plástico que se produce, consume e desbota a diario. Xa non só polos plásticos utilizados a modo de invernadoiro ou para conservar a calor e a humidade do chan, senón polos propios lodos de depuradora que se utilizan como fertilizantes. A práctica totalidade dos microplásticos procedentes da actividade doméstica, industrial e agraria concéntranse nos lodos de depuradora, o que representa 17.000 toneladas anuais de microplásticos vertidos nos nosos chans agrarios.

A exposición online onde bailaríns e bailarinas, así como unha nena, dan forma á campaña, mostra ás veces de forma agresiva a batalla contra o plástico, e noutras de xeito delicado a vulnerabilidade da vida. Con esta acción, as organizacións denunciamos a situación, e instamos ás administracións a tomar medidas para reducir de forma radical a cantidade e toxicidade dos plásticos, así como que as empresas que comercializan produtos con plásticos se responsabilicen dos seus residuos e o dano ocasionado.