O modelo de produción e distribución dun só uso orquestrado pola industria do plástico, por unha banda, dificulta ás empresas poder reutilizar as botellas ou envases para a distribución dos seus produtos-reducindo custos e impactos- e, doutra banda, enche as nosas casas de residuos.

Esta situación está provocando un colapso con graves impactos sobre o medio ambiente, a economía local e a saúde das persoas.

Mañá, Día da Reutilización, Refill Day, a Alianza Residuo Cero esixe reducir drasticamente os envases de usar e tirar, considerando fundamental POÑER EN MARCHA CIRCUÍTOS DE REUTILIZACIÓN descentralizados e dispoñibles para as empresas de alimentación e bebidas e FACILITAR Á CIDADANÍA MODELOS DE CONSUMO RESIDUO CERO para comprar cos seus propios envases ou con envases que poidan devolver ao comercio.

 

Nos últimos anos producíronse cambios tanto no consumo como na distribución que levan a un maior aumento na xeración de residuos: aumento da cota de compra en supermercados e grandes superficies, diminución da oferta de produtos frescos polo miúdo en supermercados, aumento do consumo de produtos precociñados, etc. Boa parte dos envases asociados a estas prácticas son innecesarios e responden estritamente a necesidades das cadeas de distribución e venda e non garanten o dereito da persoa consumidora a consumir sen producir residuos ou producindo só os estritamente necesarios. Hoxe día é unha odisea facer unha compra sen residuos de envases e embalaxes. Os envases, bandexas e envoltorios superfluos impóñense en todo tipo de alimentos, incluídos aqueles que tradicionalmente se vendían pol miúdo como a carne, o peixe ou a froita.

Segundo novos datos aportados por Rezero, entidade que forma parte da Alianza Residuo Cero, de todo o que se compra en alimentación, o 11 % en peso son envases de usar e tirar. Este dato calculouse cos dez produtos máis consumidos (polo, xamón york, queixo semi, pescada, leite, auga, cola, tomates, patacas e laranxas) nos dez establecementos con maior cota de mercado.

En consecuencia, non é de estrañar que os envases sexan unha das principais fraccións dos residuos. A alimentación e as bebidas supoñen a xeración de entre o 80 e o 90 % de residuos de envases, contribuíndo de xeito determinante no aumento na xeración destes.

Ademais, tan só un 26 % dos envases que se poñen no mercado acaban recuperándose para volver ser introducidos no sistema produtivo a partir da reciclaxe. Este despropósito provocado pola industria do envasado acábano pagando as administracións locais a partir dos impostos da cidadanía.

No contexto dun sistema de recollida selectiva e reciclaxe dos envases insuficiente e un modelo de produción e consumo lineal predominante, a Alianza Residuo Cero esixe erradicar a produción de envases dun só uso totalmente innecesarios, e pide aos gobernos que impulsen a transición cara a modelos de produción e consumo circulares e de residuo cero.

Isto pasa por (1) poñer en marcha circuítos de limpeza e reutilización de envases de alimentación e bebidas descentralizados, (2) fiscalizar os envases dun só uso, e (3) poñer fácil á cidadanía comprar polo miúdo cos seus propios envases ou incentivar a devolución dos envases a partir do depósito.

“Resulta decepcionante que no Proxecto de Lei de residuos e solos contaminados, agora en proceso de tramitación parlamentaria, non aparezan nin obxectivos nin medidas concretas para priorizar a redución no uso de envases, nin a reutilización (ou reenchido) dos envases de alimentación”, declarou Adriana Espinosa, responsable de recursos naturais e residuos de Amigos da Terra. Por iso, a Alianza Residuo Cero pide ao Goberno central e aos partidos políticos do Congreso responsabilidade e proxección, que escoite á cidadanía e se fíxe en proxectos sostibles de éxito, que miran, non só o beneficio económico, senón tamén o ambiental e social.

Existe unha crecente preocupación da cidadanía sobre o uso excesivo de envases plásticos desbotables utilizados para a distribución de alimentos nos puntos de venda. Algúns exemplos que demostran esta tendencia serían o movemento «Ispe a froita», as numerosas compras colectivas que se realizan en todo o territorio e/ou a proliferación de comercios de venda polo miúdo que permiten ao consumidor realizar unha compra responsable e en táper minimizando a cantidade de residuos.

Á vez, tal como afirma Rosa García de Rezero, “existen evidencias das vantaxes e a viabilidade da reutilización dos envases. Un exemplo paradigmático é o proxecto reWINE que identificou as oportunidades e barreiras da reutilización de botellas de vidro no sector vitivinícola de Cataluña, a través de datos experimentais que permiten asegurar a súa viabilidade técnica, ambiental, social e económica”.

A reutilización de botellas de vidro no sector vitivinícola podería supoñer, só en Cataluña, un aforro de máis de 100 millóns de kg de CO2 equivalentes anuais e 21.756 toneladas de residuos e, reduciría así un 28 % a súa pegada de carbono. Ademais, ofrece potenciais aforros económicos para as bodegas, para os municipios (derivados da aforro en custos de recollida e tratamento de botellas que deixarían de xestionar) e oportunidades de creación de postos de traballo que fomentan a economía verde, circular, local e con capacidade para promover a reinserción social (sobre todo no emprego vinculada á loxística e o lavado das botellas).

España pode ser un lugar moito máis san, limpo e xusto socialmente si prioriza a redución dos envases de usar e tirar e a reutilización. Dispoñemos de instrumentos e medidas estudadas e probadas. Só necesitamos vontade política para logralo.

Alianza Residuo Cero

A Alianza Residuo Cero está conformada polas entidades Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Retorna, Rezero e Surfrider. Forma parte de Zero Waste Europe, plataforma formada por 30 organizacións de 24 países europeos. Segundo esta plataforma, enténdese por “Residuo Cero” o modelo de xestión de residuos que trata de emular os ciclos da natureza nos que todos os materiais descartados para un proceso son necesarios para outro uso, de xeito pragmático e a longo prazo. Residuo Cero significa deseñar e xestionar os produtos e os procesos de maneira que se reduza o volume e a toxicidade dos residuos xerados, se conserve e se recuperen todos os recursos e non se queimen nin enterren. A implementación de modelos Residuo Cero eliminaría todas as emisións ao aire, auga e chan que ameazan na actualidade á saúde humana, animal, vexetal e planetaria.

Break Free From Plastic

#Breakfreefromplastic é un movemento mundial que aspira a un futuro libre de contaminación por plástico. Desde o seu lanzamento en 2016, máis de 11.000 organizacións e partidarios individuais de todo o mundo uníronse ao movemento para esixir reducións masivas de plásticos dun só uso e para impulsar solucións duradeiras á crise da contaminación por plástico.