Poñemos de manifesto que a produción e consumo de produtos de orixe animal supón o 45% da pegada climática do sistema agroalimentario en España.

Lanzamos un informe onde se evidencia que desde o punto de vista climático é máis eficiente unha dieta que contemple a redución do consumo de carne, combinada coa substitución da produción de carne industrial por outra de gandería extensiva.

O consumo de carne actual en España, 52,3 kg por habitante ao ano, resulta insostible desde o punto de vista do medio ambiente e da saúde. Para 2030 débese reducir o seu consumo ata un máximo de 21 kg ao ano.

Desde Amigos da Terra facemos público o Informe “A produción e consumo de carne a debate” no que visibiliza os principais impactos climáticos, medioambientais, sociais e de saúde do modelo dominante de produción e consumo de carne en España, e destacamos a necesidade de promover unha dieta climática que teña en conta estes impactos e os minimice. Con este documento, buscamos dar respostas para alcanzar un modelo alimentario máis xusto, saudable e sostible.

Ante un escenario de crise ecosocial, plantexamos unha dieta climática para 2030, baseada tamén en recomendacións nutricionais, que implique a redución do consumo de carne nun 60% respecto ao consumo actual, cunha produción que proveña dunha gandería extensiva, ecolóxica e ligada ao territorio. Neste aspecto é prioritario aumentar o consumo de legumes e cereais, fontes de proteína vexetal, que xunto coas verduras, hortalizas e froitas locais e de tempada deben ser a base da dieta habitual para cumprir con criterios de respecto ao medio ambiente e á saúde das persoas.

Na publicación sinalamos que a produción e consumo de produtos de orixe animal supoñen o 45% da pegada climática do sistema agroalimentario en España. En concreto, 1,57 toneladas de CO2 equivalente por persoa ao ano. É especialmente significativa a produción industrial de carne, principalmente de aves e porco, pola súa importante pegada de carbono asociada ao consumo de pensos, á vez que por ser un importante vector na degradación do medio ambiente en España.

Desde o punto de vista da urxencia climática actual, o estudo demostra que é máis eficiente unha estratexia de redución do consumo de carne, combinada coa substitución da produción de carne industrial por outra de gandería extensiva. No caso concreto do porco, obsérvase que esta estratexia combinada supoñería ata un 60% menos de emisións netas xeradas por persoa ao ano, que unicamente reducindo o seu consumo.

Na nosa análise expoñemos que o consumo de carne actual en España, 52,3 kg por habitante ao ano, é insostible para o medio ambiente e a saúde, así como para alimentar á poboación mundial. Así, e sempre tendo en conta as recomendacións nutricionais internacionais, sostemos que se consuman 21 kg de carne ao ano. E apuntamos que o consumo de carne vermella non debe superar os 10 kg por persoa ao ano, fronte aos 20,78 kg actuais.

Outro dos puntos a destacar do informe é o consumo de carne procesada, o cal pode ser unha grave ameaza para a saúde e o clima. Ademais de ser clasificada como canceríxena pola OMS, a carne procesada é un vector de deforestación e aumento do cambio climático. En concreto a carne procesada de vacún está baixo sospeita en España por ser potencialmente causante da deforestación na Amazonia. E é que debido ás laxas normas de control e ao risco de tratados comerciais como o da Unión Europea e Mercosur, pérdese facilmente a pista ás importacións brasileiras na cadea alimentaria. Pola súa banda, a carne procesada de porco e aves tamén está baixo a lupa como causante de deforestación: o 95% da súa produción en España provén de explotacións industriais, enormemente dependentes de soia e maíz transxénicos, cuxa produción supón a pérda de millóns de hectáreas de bosques, sabanas e pasteiros en Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai.

O estudo recorda que, segundo Nacións Unidas, os custos sanitarios relacionados coa dieta en 2030 terán un impacto económico de 1,3 billóns de dólares ao ano a nivel mundial, asociados aos custos de atención sanitaria, baixas por enfermidade e custos de “coidados”. O cambio de patróns nutricionais cara a dietas flexivexetarianas e cunha maior presenza de proteína vexetal pode supoñer unha redución da mortalidade mundial en máis de 12 millóns ao ano.

“Desde Amigos da Terra reivindicamos unha redución do consumo de carne e un cambio do modelo industrial de produción de carne por un de gandería extensiva, ecolóxica e ligada ao territorio. As políticas públicas deben ir encamiñadas a posibilitar esta transición agroecolóxica, polo clima, polo medio ambiente e pola saúde das persoas”, sostén Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria da asociación.