Logo de tres anos de debates entre a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e os ministros de Agricultura dos 27 Estados membros da UE, temos unha nova PAC (Política Agrícola Común). Desgraciadamente, o resultado é decepcionante. O proceso de reforma concluíu sen melloras substanciais para o nocivo sistema agrícola actual.

Non houbo unha revisión dos fondos de 270.000 millóns de euros para 2023-2027 co fin de facelos máis xustos para os agricultores ou mellores para a natureza. Recordemos que o orzamento da PAC supón ao redor do 30% do orzamento total da UE, financiado co diñeiro de todos os contribuíentes europeos.

Para esta viaxe non facían falta tantas alforxas

En lugar de apostar por unha verdadeira reforma, a futura política agraria da UE afástase dos obxectivos verdes e favorece a agricultura de sempre.

Introducíronse algúns novos elementos como os Plans Estratéxicos Nacionais da PAC, novos ecoesquemas ou axudas á renda básica para a sostibilidade. Pero non son máis que novas aparencias dun sistema vello, cunha capa de lustre de sostibilidade.

Os resultados son un duro golpe para o movemento ecoloxista e climático, que farán imposible alcanzar os obxectivos fixados no Pacto Verde Europeo* e deixarán fóra de xogo a máis pequenos produtores. Millóns de explotacións agrícolas en Europa xa desapareceron, e a natureza -a nosa base que fai posible a produción de alimentos- está en grave perigo.

Que fallou nesta ocasión?

A anquilosada reforma da PAC é o resultado da escasa ambición dos Estados membros e dos intereses creados da agroindustria que manteñen as subvencións agrícolas para beneficiar principalmente a unhas poucas explotacións industriais.

Agora, este sistema errado parece que vai continuar, augurando un desastre para o medio ambiente e os pequenos agricultores. A PAC seguirá distribuíndo a maior parte das subvencións en forma de pagos directos non orientados, principalmente en forma de pagos por hectárea con débiles condicións medioambientais, en lugar de proporcionar uns ingresos xustos e unhas condicións de traballo decentes aos pequenos agricultores sostibles, aos traballadores da terra, aos pastores e aos pescadores, co fin de apoiar aos agricultores na transición cara a prácticas máis sostibles, a protección da biodiversidade, o medio ambiente e o clima, así como un maior benestar animal.

O último paso da reforma aínda está por chegar: unha votación no Parlamento Europeo que se espera antes das vacacións de verán.

Será o Parlamento cómplice deste desaguisado?, ou fará o que é mellor para a nosa alimentación e agricultura e Votará Botar Abaixo Esta PAC?

 

*Como parte dos seus plans do Pacto Verde Europeo, a Comisión Europea adoptou obxectivos para que o 25% da superficie agrícola sexa de produción ecolóxica, para reducir o uso de pesticidas químicos nun 50%, e para dar prioridade á biodiversidade no 10% das áreas agrícolas, para 2030.