O voluntariado de Amigos da Terra inicia un proxecto innovador para a difusión do concepto Residuo Cero e da economía circular, Residuo Cero Lab.

Grazas ao financiamento da convocatoria Iniciativa Xove da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia construirase un espazo de sensibilización e formación non formal para crear e desenvolver alternativas que camiñen cara o Residuo Cero.

Despois de levar a cabo conferencias e talleres participativos en distintos espazos, en setembro poñerase en marcha as experiencias piloto de “Vida residuo Cero” onde convidarase á xente moza que durante unhas semanas poñan en práctica un estilo de vida residuo cero, axudados por pautas e materiais que lle facilitará, e o compartan en redes sociais a través da creación de material audiovisual. Ao final deste período vivencial realizarase un encontro de avaliación da experiencia, que sirva para compartir dificultades e visualizar barreiras pero que ao mesmo tempo achegue ideas e propostas das participantes para seguir avanzando nese camiño e e que elas poidan ser vectores multiplicadores da experiencia no seu entorno.

Outros dos eixos fundamentais do proxecto, froito do compromiso de Amigos da Terra ca igualdade de xénero, é o traballo no impulso da participación das mozas e mulleres na organización. Co obxectivo de seguir traballando a introdución da perspectiva de xénero e a mellora dos procesos de participación na organización realizarase unha formación en xénero e participación.

E todo isto empregando como metodoloxía a educación popular e a aprendizaxe non formal co obxectivo de estimular o protagonismo e liderado, a creatividade e o talento da xente máis nova, especialmente das mulleres.

 

Coa financiación de