Dende Amigs da Terra querémonos unir ao rexeitamento ás prácticas abusivas coa terra, o medio ambiente e os dereitos laborais realizadas pola empresa SUREXPORT. Unha agroindustria que non respecta nin os dereitos laborais e humanos, nin as pequenas labregas e as súas producións locais, nin os ecosistemas, nin o medio ambiente.

Como sabemos polos seus antecedentes durante décadas noutros territorios, como El Ejido ou Huelva na Andalucía, estas empresas da agroindustria non respectan nada nin ninguén con tal de obter o máximo beneficio a través dun modelo de produción baseado na  explotación laboral e dos nosos recursos naturais.

OPÓMONOS ás prácticas de surexport porque:

  1.  Dicimos ‘Non!’ á explotación laboral e á vulneración dos dereitos das persoas que se están a cometer nos campos de traballo de Surexport.
    Dicimos ‘Non!’ a que baixo ameazas se forcen xornadas de 12 horas diarias, cun salario inferior ao estipulado por convenio, a que se negue o dereito a unha alimentación digna, a unha hixiene digna ou un trato digno ás persoas traballadoras, a maioría delas  migrantes que, desprazadas dende outros campos de traballo que a empresa ten en Huelva e outros lugares, son mesmo privadas do  dereito a unha vivenda digna.
  2. Opómonos a Surexport porque o modelo de produción agraria que fomenta, baseado na produción intensiva, non produce alimentos de calidade e é perxudicial para os ecosistemas e o medio ambiente, debido ao constante uso de produtos agroquímicos e o inxente gasto de recursos como a auga que esixe este tipo de produción.
  3.  É totalmente falso que Surexport xere riqueza ou traballo na Terra Chá. Lonxe de o crear, destrúe emprego local e expulsa xente  labrega ao impedir ás pequenas produtoras o acceso á terra. A maiores de destruir emprego e contribuir ao despoboamento das  zonas rurais e ao peche de explotacións agrarias e gandeiras, os postos de traballo que xera son precarios e temporais e non permite  fixar poboación na zona onde se asenta.

Por todo o dito anteriormente SOLICITAMOS:

  1. Que as administracións competentes ( Subdelegación do Goberno,Inspección de traballo, Consellería de Emprego…) teñan unha  actitude activa de investigación sobre as prácticas que esta empresa está a facercoas persoas empregadas, garantindo a salvagarda  dos dereitos laborais e humanos das traballadoras e traballadores de Surexport.
  2. Que dende as administracións competentes se comprobe que a empresa conta con todas as licencias e permisos necesarios para o  seu funcionamente e que cumpre con todas as normas esixidas en materia medioambiental.
  3. O feche imediato das instalacións de Surexport, de se verificar os indicios de vulneración dos dereitos contra as persoas, tales  como condicións inhumanas para traballar, dificultades para ter acceso a unha vivenda etc ou indicios de vulneración das obrigas  medioambientais.
  4. A toma de medidas legais que impidan a implantación de modelos agroindustriais como o representado por Surexport. A  especulación e o acceso á terra sen control por parte destes deriva no acaparamento de terras que logo impide o acceso para as  pequenas producións. Supoñen ademáis unha concorrencia sistemática, desigual e aniquiladora para os modelos tradicionais de  aproveitamento do território da Galiza.

 

APOIAN: ADEGA, A Estruga Espazo Agroecolóxico, Comisións Obreiras – CC.OO, Confederación Intersindical Galega – CIG, CS  Madia Leva!, Central Unitaria de Traballadoras – CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega – FRUGA, Sindicato Labrego  Galego – SLG, Terra Chá Sostible, activistas contra a megaminería, viciñanza da zona, ex-traballadoras dos campos.