O proxecto de educación para o desenvolvemento “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida” financiado por Cooperación Galega, levarase a cabo en consorcio con Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.

Este proxecto ten como meta visibilizar as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación de recursos naturais en todo o mundo e que afectan especialmente aos países empobrecidos (extracción de materias primas, produción de enerxía, e explotación da terra, entre outras). A través da conexión das realidades de Honduras e Galicia, abordaremos a reflexión sobre os impactos ambientais e sociais do noso actual modelo de consumo e desenvolvemento, así como alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifiquen que outro modo de producir, consumir e vivir é posible.

As actuacións propostas, consistirán na viaxe de 6 mulleres hondureñas a Galicia (en dous momentos diferentes do 2022), para participar nun curso formativo sobre estas temáticas, dirixido a alumnado universitario galego, e realizar encontros institucionais e con plataformas da sociedade civil semellantes en Galicia.

Dunha banda crearemos pontes entre activistas e defensoras da terra de ambas as dúas rexións (3 delas de Honduras), que loitan contra megaproxectos industriais que poñen en perigo os seus medios de vida. Doutra, poñeremos en contacto a 3 produtoras hondureñas (labregas, marisqueiras artesanais e doutros sectores produtivos como pode ser xestión comunitaria da auga), con cooperativas e produtores/as galegos/as que coinciden na defensa dun xeito de producir que coida do medio ambiente e das persoas.

Ademais, a loita pola xustiza de xénero, común no enfoque de traballo e obxectivos das organizacións consorciadas é central e transversal a todo o proxecto. Esta xustiza empeza co recoñecemento do papel relevante que xogan as mulleres no sustento e protección da vida (no eido familiar e na protección e defensa do territorio). Tamén sendo conscientes dos perigos e abusos que enfrontan no seu activismo polo feito de ser mulleres.

 

Foto da constitución da comisión de coordinación

Logo cooperacion galega