• Europa debe poñer fin ao sector cárnico industrial para frear a crise climática e de biodiversidade

  • A gandería industrial é responsable do 21% das emisións globais

  • O 75% das terras agrícolas utilízanse para cultivar penso para alimentar ao gando ou para criar animais

A gandería industrial é unha das principais culpables da crise ecolóxica, climática e de biodiversidade á que se enfronta a humanidade, segundo o Atlas da Carne 2021”, publicado hoxe por Heinrich-Böll-Stiftung e Amigos da Terra.

As organizacións comprobamos alarmadas que a industria gandeira é responsable de ata o 21% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, e que é probable que esta cifra aumente de continuar a tendencia global de consumo de carne e lácteos.

Entre outros achados, o Atlas da Carne 2021 expón que:

  • Estímase que a produción de carne aumentará en 40 millóns de toneladas para 2029, alcanzando os 366 millóns de toneladas de carne por ano. Este modelo de produción segue en auxe e para garantir o seu crecemento segue sacando do mercado alternativas locais sostibles.

  • A nivel mundial, o 75% das terras agrícolas utilízanse para cultivar penso para alimentar ao gando ou para criar animais. Nestes términos a gandería industrial, que inclúe o cultivo de soia para pensos, é unha das principais causas da deforestación, cuxos efectos inclúen o aumento das emisións, a destrución dos medios de vida das comunidades locais e indíxenas e das familias dedicadas á agricultura, e o aumento de pandemias.

  • O sector alimentario representa entre o 21% e o 37% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Neste marco, as emisións da gandería industrial supoñen ao redor do 57% do total deste sector.

  • As corporacións agroindustriais dominan o mercado; operan en grandes naves que utilizan como matadoiros e, a miúdo, con condicións laborais deficientes para os seus traballadores, o que provocou brotes masivos de COVID-19.

  • Entre 2015 e 2020, as multinacionais cárnicas e lácteas recibiron máis de 478.000 millóns de dólares por parte de 2.500 firmas de inversores, bancos e fondos de pensións, a maioría deles con sede en Estados Unidos ou Europa.

Cada vez hai máis evidencia de que a gandería industrial está impulsando o colapso do clima e a biodiversidade e poñendo en perigo a vida das persoas en toda a cadea de subministración, tanto no campo, como nas fábricas, ata chegar ao consumidor final”, afirma Stanka Becheva, responsable de agricultura e alimentación de Amigos da Terra Europa.

“Os responsables políticos europeos teñen o deber de protexer o interese xeral e deixar de compracer aos agronegocios. É indispensable que actúen con urxencia para deter a deforestación e as violacións de dereitos humanos nas cadeas de subministración, apoiar aos pequenos agricultores e agricultoras, e promover un cambio a unha dieta climática, con menos carne e mellor carne, así como máis alimentos sans e de orixe vexetal producido de forma local, ética e ecolóxica”, sinala Andrés Muñoz Rico, responsable de soberanía alimentaria de Amigos da Terra.

As organizacións reclamamos unha lexislación sólida de debida dilixencia en materia de dereitos humanos, que poña fin aos danos ocasionados por grandes multinacionais cárnicas nas súas operacións en todo o mundo. Á súa vez consideramos fundamental deter todas as subvencións que a PAC proporciona á gandería industrial, que ascende a miles de millóns.

Amigos da Terra Europa e Heinrich-Böll-Stiftung esiximos unha aposta decidida pola produción gandeira extensiva a pequena escala e ás instalacións de procesamento de carne descentralizadas que contribúen a un mundo rural vivo. Destacamos que é básico contar cun fondo de transición para que as persoas que traballan na industria cárnica poidan cambiar a empregos máis sostibles.

O Atlas da Carne 2021 en inglés: https://friendsoftheearth.eu/meatatlas-2021