O proxecto de cooperación vinculado á pesca e acuicultura artesanal que Amigos da Terra está a desenvolver este ano en Nicaragua, co financiamento do Fondo Galego de Cooperación, avanza a bo ritmo. A intervención busca promover a sustentabilidade ambiental, social e económica de 9 cooperativas de de pescadores e pescadoras que se dedican ao cultivo de Pargo Lunarejo en gaiolas flotantes da Reserva Natural Padre Ramos e Aserradores, no Departamento de Chinandega.

Un dos obxectivos principais é a creación dun plan de nutrición para os peixes con dietas específicas e diferenciadas para as distintas etapas de crecemento do pargo e con ingredientes de orixe local e que promovan o aproveitamento das materias primas.

O primeiro paso foi recolección de mostras de tres tipos de materias primas ou ingrediente que son usados actualmente na alimentación dos peixes: a) fariña de cabeza de camarón, b) fariña de cutícula de camarón, c) fariña e fauna acompañantes (peixes pequenos de valor non comercial que xeran nas pilas de produción de camarón cuxas larvas ingresan co bombeo da auga mariña).

As mostras enviáronse a un laboratorio para a realización de análises que permitisen coñecer o contido nutricional de cada materia prima. Esta información, será clave para os especialistas de UNAN-León (Universidad Nacional Autónoma de Nicaragua), que están a cargo de elaborar unha fórmula de alimento que aporte os nutrientes necesarios para o crecemento dos peixes.

Tamén se realizou unha visita á planta de produción de alimento para peixes “La Limonera”, onde se contou coa participación de investigadores de UNAN-León, técnicos de Fundación LIDER e ADT. Nesta visita, LIDER compartiu aos demais socios executores as leccións aprendidas desde o inicio en operación da planta (agosto 2020) e identificouse o potencial que podería ter a graxa que se produce durante a obtención das fariñas, tanto de camarón como de peixes, xerándose o acordo de que a UNAN-León tomaría unha mostra desta graxa para facer as análises que correspondan. De comprobarse o potencial desta graxa, sería de gran impacto para a lóxica de produción do alimento e permitiría facer uso dun produto que actualmente se trata como un desperdicio do proceso de produción de fariña na planta.

Actualmente atópase en proceso de revisión por parte do IRTA (Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias de Cataluña), entidade colaboradora do proxecto, a proposta de dieta para pargo elaborada finalmente por UNAN-León en base aos resultados das análises dos 4 tipos de fariñas (cabeza de camarón, cutícula de camarón, vísceras e peixe), así como doutras materias primas ricas en carbohidratos (millo, sorgo) e unha fonte alternativa de amidón (yuca) que está en proceso de análise. Con todo, actualmente estase definindo o uso do tipo de aceite que se empregaría como aditivo para aglutinar o pellet, e priorizando que este ingrediente sexa obtido de forma local e non externa. Entre as opcións de aglutinante estase valorando a posibilidade de reutilización dun decantado da graxa xerada no proceso de manexo da cabeza de camarón, co propósito de obter un aceite máis accesible e dispoñible. Todo isto permitirá complementar a dieta proposta para pargo para as seguintes fases de cría: a) Pre engorde de 50 a 100 gramos, b) engorde de 100 a 450 gramos.

Outro dos obxectivos do proxecto é a mellora no monitoreo e o control da calidade da auga onde se atopan as gaiolas flotantes. O mantemento e control dun bo ambiente de cultivo a través do uso de prácticas apropiadas, reducirá o risco de enfermidades e incrementará a produción, calidade dos peixes e comercialización, así como o coidado das augas nas que se desenvolve a actividade productiva.

As cooperativas dispoñen xa de equipos para realizar a vixilancia da calidade das augas no Estero Padre Ramos e Aserradores medindo parámetros óptimos para o cultivo en gaiolas flotantes. Así, establecéronse visitas para a recolección de mostras e medición de parámetros físicoquímicos da auga en 12 puntos de recolección de alevíns. Esta avaliación da calidade das augas, xerará evidencias para o seguimento ambiental e recomendacións de carácter produtivo que as cooperativas presentarán directamente ante as institucións locais para a súa consideración á hora de mellorar a políticas públicas relacionadas coa acuicultura na Reserva Natural.

Por último, avanzouse tamén na posta en marcha dunha campaña de sensibilización para a protección de zonas mariño-costeiras co deseño de dúas viñetas radiais sobre a conservación do manglar e a integración das mulleres no manexo destes ecosistemas.

A nivel institucional o proxecto está resultando moi exitoso e cabe sinalar a participación dos representantes de institucións de Goberno con competencias en temas pesqueiros e ambientais (Instituto Nicaragüense de Pesca y Acuicultura – INPESCA e o Ministerio del Ambiente y los Recursos Naturales – MARENA), así como con centros de investigación, empresas e outros actores relevantes. Nas reunións mantidas resaltouse a necesidade de reactivar a comisión de seguimento dos corpos de auga mariño-costeiros, integrada por autoridades de goberno, Universidades, xuntas de administración das 9 cooperativas, e fundación LIDER. Así, a participación das cooperativas nos espazos de decisión sobre a xestión do sector contribuirá a un dos elementos centrais do proxecto: a mellora da participación na xestión pública no sector acuícola-pesqueiro en Chinandega.