• Activistas do Movemento Galego polo Clima concentraranse o venres 24, nun novo Día de Acción Global polo Clima convocado por Fridays for Future-Xuventude polo Clima
  • Algunhas organizacións do movemento abriron un litixio contra o goberno do Estado  polo incumprimento dos acordos internacionais sobre cambio climático
  • Afirman que a crise climática é unha inxustiza global e que os gobernos deben afondar na transición enerxética xusta para evitar maiores impactos ambientais e sociais

O vindeiro venres 24 de Setembro ás 19h as organizacións integradas no Movemento Galego polo Clima concentraranse nas cidades de Vigo, Compostela e A Coruña para esixir maior ambición climática aos gobernos. Esta acción ten por obxectivo difundir o litixio emprendido contra o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima do Goberno do Estado español, xa formalmente aprobado, para exixirlle xudicialmente que cumpra os compromisos internacionais adquiridos e asuma a súa responsabilidade pola falta de políticas efectivas contra o cambio climático.

Os plans e estratexias autonómicas e estatais sobre cambio climático perseguen unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro inferior ao 25% para o ano 2030, mentres que diversos informes científicos, co IPCC á cabeza, esixen unha redución superior ao 55%, co obxectivo de manter o incremento das temperaturas por debaixo do 1,5%.  De igual xeito, o movemento ecoloxista quere forzar aos gobernos para que emprendan accións para acadar as emisións netas cero en 2040, dez anos antes das febles intencións que teñen nos seus plans. Os convocantes  anuncian que “é imperativo que o Goberno aprobe uns instrumentos xurídicos con maior ambición climática para salvagardar o medio ambiente e os dereitos fundamentais da cidadanía”.

Os litixios contra os gobernos centrais que o movemento ecoloxista está a presentar en toda Europa téñense resolvido en países como Francia, Holanda ou Alemaña de forma favorábel aos intereses dos ecoloxistas, recoñecéndolles que os seus respectivos gobernos están a violentar os dereitos fundamentais das súas poboacións. “Non se trata de escoller entre o desenvolvemento económico e o medio ambiente, senón de emprender un novo rumbo, no que entendemos que sen salvagardar o medio ambiente e o clima non teremos un futuro digno”,  aseguran no manifesto da concentración.

En Galicia están programadas concentracións nas seguintes localidades:

Vigo: Rúa Príncipe no MARCO ás 19:00h,

Compostela: Praza 8 de marzo, Porta do Camiño ás 19:00h

A Coruña: no Obelisco ás 19:00h

 

Organiza: Movemento Galego polo Clima

Máis información sobre o litixio polo clima: https://www.juicioporelclima.es/