• Plataformas veciñais e ecoloxistas presentaron a solicitude dunha moratoria e outras moitas demandas en Ourense para poñer freo á gandaría industrial
  • As organizacións deron conta de accións simbólicas diante da sede de Medio Rural para chamar a atención da gravidade da situación en comarcas como A Limia
  • Coa solicitude fixeron entrega de auga contaminada para poñer de manifesto a contaminación da auga por nitratos que conleva a gandaría industrial

Este venres 15 de outubro, baixo o lema “Stop Gandaría Industrial, Moratorias Xa”, a Plataforma veciñal Auga Limpa Xa!, xunto ao Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra e a Federacion Ecoloxista Galega (FEG), organizadas baixo o paraugas da Coordinadora Stop Gandería Industrial, déronse cita na Xefatura Territorial do Medio Rural e acudiron posteriormente ao rexistro do Edificio Administrativo da Xunta en Ourense, para denunciar a proliferación de instalacións de gandaría industrial no noso país.

Representantes destas organizacións quixeron chamar a atención sobre as desastrosas consecuencias que este modelo agroalimentario ten para contornas como A Limia e outras comarcas galegas –sobreexplotación dos acuíferos, contaminación de solos, contaminación de auga por nitratos, destrución de espazos naturais…etc–.É por isto que apostaron por pedir unha moratoria á concesión de licenzas destes proxectos industriais, polo menos até que exista un plan estratéxico que estableza a carga gandeira máxima para cada comarca e se cumpran as normativas. Xunto a unha carta coas demandas das organizacións, tamén presentaron diversas mostras de augas contaminadas polos efectos da gandaría industrial e que producen un grave impacto ambiental, salientando a proliferación de toxinas no encoro das Conchas, na Baixa Limia, convertido no sumidoiro da gandería industrial limiá.

O crecemento da gandaría industrial está absolutamente descontrolado. Concédense continuamente autorizacións ambientais para a ampliación de explotacións industriais xa existentes, elevando o censo gandeiro, ou a instalación de novas explotacións, principalmente en municipios pouco poboados,.

aproveitándose de que nestes pobos hai pouca xente, e por tanto, pouca oposición. Máis o certo é que hai moita xente preocupada e mobilizándose nestes territorios. Isto non é unha solución ao reto demográfico, o único que fai é agravar a vulnerabilidade da poboación rural”, declarou Montse Valencia, de Auga Limpa Xa!

Para as convocantes, o máis grave é que os organismos competentes, que deberian velar polo interese da maioria, están a colaborar coa gran industria cárnica. Proba disto é a tramitación por parte da Consellería do Medio Rural dun novo cebadeiro industrial de 8.000 porcos no pobo de Lobaces (Trasmiras) nunha zona facilmente asolagábel e que xa ten unha alta concentracion de nitratos. Esta nova explotación disporá como base territorial para desfacerse dos xurros producidos (máis de 30.000 toneladas) parcelas en superficie protexida ZEPA, cousa totalmente contradictoria coa intención manifestada publicamente polo conselleiro de reducir a carga gandeira na Limia.

Ademais de en Galicia, outras organizacións coordinadas por Stop Gandería Industrial rexistraron a solicitude de moratoria en 14 localizacións más do Estado e fixéronse accións similares noutros 43 pobos afectados pola gandería industrial. Por outra banda, tamén se solicitou unha reunión co Conselleiro do Medio Rural, para poder expor un problema que padecen centos de pobos no Estado español, esixindo solucións urxentes. Entre as demandas esixiron:

  • Unha moratoria inmediata para todos os novos proxectos de gandaría intensiva e ampliacións dos existentes empezando por paralizar a tramitacion da explotacion de 8000 porcos que se pretende implantar en trasmiras
  • Que se controlen con dispositivos GPS os camións-cisternas que se adican a ciscar os xurros da gandería industrial
  • Que se declare a bacia do Limia como augas afectadas por contaminación de nitratos
  • Que se impante un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento
  • Que se reduza a carga gandeira
  • Que se realice un estudo epidemiolóxico para determinar as afeccións para a saúde
  • Que se emprenda a ampliación da rede de estacións de control para determinar a contaminación por nitratos e microorganismos fecais e se realice unha supervisión e inspección eficaz por parte da administración
  • Que se elabore un Plan de Desenvolvemento Rural Sustentábel tanto para a ZEPA da Limia (6.939,2 ha) como para a súa zona periférica de protección (7.558,6 ha)
  • Que se promova a recuperación da gandaría extensiva
  • Que se desenvolvan plans de recuperación e conservación para especies e hábitats
  • Que se avance na protección real das veigas que contan con figuras de protección da natureza e se declaren espazos protexidos aquelas que non contan con estas figuras de protección